O Concello acorda a reparación de urxencia de catro parques infantís da cidade para evitar pechalos

31

A Concellaría de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda, fixo un gasto de 46.000 euros que permitiu actuar nos parques de Maruxa Mallo, Oito de marzo, Corvorana e Ernestina Otero.

Principalmente arranxáronse os elementos de xogo, colocáronse elementos de seguridade, reparáronse os pavimentos e os valados de peche.

O Concello de Pontevedra vén de facer reparacións urxentes en catro parques infantís da cidade valoradas en máis de 46.600 euros. A Concellaría de Servizos urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda, considerou perentorias estas actuacións para non ter que pechar estas áreas de lecer para os cativos e cativas, xa que presentaban deficiencias importantes nos elementos de xogo.

A Concellaría optou por levar adiante estas reparacións á espera de obter os primeiros resultados do estudo do estado dos parques infantís que porá ao día a situación actual de todas estas áreas e determinará as necesidades de cada unha delas. O concelleiro Xaquín Moreda advertía que de ser necesario actuar de urxencia nalgúns parques, faríase, para non ter que pechalos.

Estes arranxos comezáronse despois do verán e veñen de rematarse nestas primeiras semanas do ano. A primeira intervención foi no parque Maruxa Mallo, no barrio da Parda, onde se fixo un investimento de 17.739,57 € para reparar todos os elementos de xogo que presentaban parafusos soltos e eran perigos para os cativos, repúxose o valado de peche do parque estaba tirado e arranxáronse outros elementos de mobiliario urbano na contorna do parque.

Tamén se actuou de emerxencia no parque infantil da Corvorana, no barrio de San Brais, por valor de 17.407, 54 euros. Neste caso reparáronse os elementos de xogo e colocáronse elementos de seguridade, arranxouse o chan da parque estaba en moi mal estado, colocouse o valado de peche do parque e aproveitouse para facer traballos de poda das árbores e arranxo do mobiliario público como os bancos ou o cartel indicativo de xogos.

Na praza Oito de marzo, na Cidade de pedra, tamén se actuou de urxencia no parque infantil cun orzamento de 17.598,24 euros para reparar os elementos de xogo, o pavimento do parque e o valado de peche. Tamén se aproveitou para facer traballos de poda das árbores e arranxo do mobiliario público como os bancos ou o cartel indicativo de xogos.

O parque infantil de Ernestina Otero, situado no barrio de Tafisa, tamén tivo actuacións urxentes valoradas en 11.263,29 euros onde se arranxaron os elementos de xogo e colocáronse tapóns de seguridade, reparouse o pavimento e fíxose un roza das parcelas próximas.

Estudo dos parques infantís

O custe destas actuacións foi de 46.601, 10 euros e foi necesario mentres se agarda aos primeiros resultados do estado dos parques infantís do concello. Trátase dun plan especial de supervisión, priorización, reparación e mantemento dos 57 parques infantís municipais, tanto urbanos como rurais.

Esta iniciativa consta de dous apartados: diagnose e priorización de actuacións. No primeiro preténdese coñecer o estado real de cada unha destas áreas infantís, determinando o seu estado de conservación no tocante aos elementos de xogo, enlousado, valado, sinalización obrigatoria, estado da contorna, limpeza, iluminación…; e o segundo busca priorizar as actuacións que se deberan facer en cada un deles, comezando polos que se atopan en peor estado de conservación e tratando de corrixir todas as deficiencias. Tamén inclúe, esta segunda fase do plan, o custe aproximado de todas as actuacións.

A finalidade principal do plan é garantir que os cativos e cativas de Pontevedra xoguen en espazos seguros e adecuados, en boas condicións de seguridade e de hixiene, e procurar ter un control exhaustivo de todas as áreas infantís, coñecendo o seu estado de conservación, a súa vida útil e poder prever os futuros cambios en función do seu uso, da súa idade ou da incidencia da meteoroloxía, entre outros aspectos que poden incidir na súa conservación.