O Concello porá a funcionar toda a súa maquinaria administrativa á hora de atallar o estado actual do CEIP Barcelos  

53
Desde o Concello mándase unha mensaxe de apoio e tranquilidade ás familias, lembrnado que se seguirá mantendo a colaboración en todo momento á hora de buscar e atopar vías para solventar a problemática actual
O edil de Educación, Demetrio Gómez, participou este martes nunha xuntanza convocada pola administración autonómica da que non foi posíbel extraer ningunha solución a curto prazo para os problemas que está a vivir o centro 

O edil de Educación, Demetrio Gómez, participou esta mañá na reunión convocada pola Xunta de Galicia co obxectivo de analizar e buscar solucións no referido ao estado actual do CEIP Barcelos, logo dos danos sufridos nas instalacións por mor da construción dun edificio lindeiro.

Tal e como indicou o concelleiro trala xuntanza, o Concello de Pontevedrá seguirá mantendo a idea de colaborar «en todo o que estea nas súas competencias, tamén para que o centro poida volver ter unha aula de educación física practicábel».

Gómez lamentou a actitude da Xunta de Galiza fronte a situación de emerxencia que se está a vivir no colexio pontevedrés, tirando «balóns fóra» á hora de atallar a problemática ou buscar solucións para a mesma. 

«Desde o Concello puxemos sobre a mesa a proposta de que a Xunta explore a posibilidade da contratación dunha carpa que substitúa de xeito provisional o ximnasio do centro, xa que é a administración autonómica o organismo con competencias exclusivas na materia de Educación», indicou Gómez.

 «O importante é solucionar o problema, o importante é que as dúas administracións colaboremos e poñamos en común todos os recursos dispoñíbeis para atallar canto antes esta problemática», finalizou Gómez.