O Concello logra o encaixe económico que permitirá a celebración do Entroido «en toda a súa dimensión» 

    63
    O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, informou que até este martes non puido confirmar a celebración con normalidade desta cita festiva
    O desfile, as murgas, as parodias, a festa pirata ou a queima do loro Ravachol poderán ser gozadas pola veciñanza da Boa Vila e os seus visitantes 

    O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta das últimas novidades ao respecto da celebración do Entroido 2024 na Boa Vila.

    «Esta mañá recibín unha boa noticia por parte do equipo de xestión orzamentaria do Concello, o cal felicito polo seu traballo e agradézolle a súa implicación, porque podemos confirmar que haberá Entroido en toda a súa dimensión», indicou o rexedor. «O mellor entroido urbano da Galiza non pode non ser celebrado, máis aínda cando ten un compoñente importante de dinamización cultural e económica da cidade».

    Alén da confirmación da celebración da tradicional festa, Lores informou que este chegará coa práctica totalidade do seu programa intacto, polo que Pontevedra vivirá e rirá un ano máis co seu desfile, coas murgas, coas parodias, coa festa pirata ou coa queima do loro Ravachol. «Procurouse un encaixe económico por parte do servizo de xestión orzamentaria e, se ben aínda non está rematado o estudo, é indiscutíbel que a falta dun novo orzamento afectará ou derivará na parálise doutras cuestións, como contratos de mantemento, novos investimentos e algúns fondos europeos que teñen difícil encaixe, aínda que tentaremos salvar todas as cuestións prioritarias».