O alumnado pontevedrés que forma parte do Club de Debate fórmase en comunicación e documentación no Pazo da Cultura 

34
Un total de 22 equipos galegos participarán este ano no certame que se desenvolverá en Santa Comba a finais de febreiro, e que terá a súa fase final en no Val do Dubra o 13 de abril
Pontevedra contará cunha importante representación, ao participar catro equipos da Boa Vila: un do IES Luís Seoane, dous do Colexio Calasancio e un do IES Frei Martín Sarmiento 

Este martes, 16 de xaneiro, comezou unha nova edición do Club de Debate. O inicio deste programa e certame chegou coa primeira xornada de formación en habilidades comunicativas no Pazo da Cultura. O edil de Normalización lingüística, Demetrio Gómez, participou neste novo comezo.

Desde primeira hora, os catro equipos de Pontevedra, o IES Luís Seoane, con alumnado de 3º de ESO e con alumnado de 4º de ESO; dous equipos do Colexio Calasancio e un do IES Frei Martín Sarmiento, centro que participa por primeira vez no Club de Debate; aprenderon e albiscaron novas ferramentas comunicativas e de documentación para debater do mellor xeito posíbel.

O mércores 17 e o xoves 18 haberá outras dúas xornadas de formación en Rois e en Ferrol. Cómpre lembrar que o Club de Debate é unha actividade promovida polos concellos de Pontevedra, Ames,  Carballo, Ferrol, Narón, Rois,  Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra. 

En total están inscritos 22 equipos formados por estudantes de 3, 4º de Eso e 1º de Bacharelato nos seguintes centros: de Pontevedra: IES Frei Martín Sarmiento, CPR Plurilingüe Calasancio e IES Luís Seoane; IES Camilo José Cela  e CPI dos Dices (Rois); IES de Cacheiras (Teo); CPR Santiago Apóstol e IES Terra de Trasancos  (Narón); de Ferrol: IES Canido, IES Concepción Arenal, IES Saturnino Montojo. Colexio La Salle (Santiago de Compostela);  IES Monte Neme (Carballo); IES Terra de Xallas (Santa Comba) e CPI de Bembibre (Val do Dubra). 

Os 22 equipos equipos repartiranse nas tres xornadas de debates da fase clasificatoria, que se desenvolverá no concello de Santa Comba os días 27, 28 e 29 de febreiro.  Os dous equipos mellor clasificados en cada xornada participarán na fase final, en Val do Dubra o sábado 13 de abril.  

O Club de Debate está dirixido a rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO, 1º de bacharelato ou dos ciclos formativos que comprendan as mesmas idades en equipos mixtos e compostos por un mínimo de 4 e un máximo de 10 membros mais a persoa preparadora (docente, PAS…)

Con este programa preténdese favorecer o uso do galego oral en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia que se xera).  Os contidos que se traballan teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre o(s) tema(s) dos debates que achega nocións, datos e argumentos. Teñen moita importancia no programa o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte á diversidade de opinións e do traballo en equipo.