O Concello acomete a renovación de pavimentos de xabre e estruturas de madeira nos parques e sendas peonís da cidade

21

A reparación de pavimentos terrosos do Miradoiro de Monte Porreiro, da senda peonil de Valdecorvos ou da Alameda, e a substitución de pezas da madeira da senda do Lérez por parte da Concellaría de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda, permite darlle seguridade durante o inverno a estes lugares de lecer empregados a diario por ducias de veciños e veciñas da Boa Vila. 

O Concello de Pontevedra está a realizar nestas semanas traballos de acondicionamento, mantemento e reparación en distintas zonas verdes da cidade, especialmente, en espazos de lecer como a senda do Lérez ou de encontro cidadá, como o parque do Miradoiro de Monte Porreiro. 

Estes traballos buscan subsanar problemas de empozamentos e fochancas en pavimentos terrizos, táboas rotas das pasarelas peonís da senda do Lérez e outros pequenos problemas localizados nestas zonas verdes. O concelleiro Xaquín Moreda, responsable dos Servizos urbanos básicos, seguindo a liña marcada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, acordou priorizar estas actuacións para darlle seguridade a estes lugares, especialmente coa chegada das chuvias, as xeadas e o frío do inverno, xa que de non ser tratadas impediríase o goce por parte dos veciños e veciñas.

O Miradoiro de Monte Porreiro, as sendas de Valdecorvos, as pasarelas de madeira do Lérez ou a Alameda son algúns dos espazos que están incluídos dentro desta primeira xeira de actuacións, logo dunha supervisión xeral por parte da Concellaría que xestiona Xaquín Moreda.

A Concellaría de Servizos urbanos básicos actuou nos carreiros e o paseo central de xabre do Miradoiro de Monte Porreiro, onde o Concello realiza un mantemento permanente ao longo do ano; tamén no paseo peonil de Valdecorvos e na Alameda.

A retirada, achega e compactación do xabre nestes espazos pretende rematar coas zonas de acumulación de auga.

Ademais, xa está aberta a pasarela de madeira na que arranca a senda do Lérez dende a avenida de Bos Aires ao ter substituídas varias pezas de madeira que estaban rotas e podres polo paso do tempo e as inclemencias meteorolóxicas. A súa reposición permitiu, tamén, abrir este tramo da senda que estaba pechado.

Aínda que o tempo non acompañou en boa parte do outono e este tipo de actuacións sóense facer cara a primavera e verán, o concelleiro acordou realizas de inmediato xa que, nalgúns casos, trátase de atallar situacións perigosas para as ducias de persoas que a diario empregan estes lugares de encontro da cidade.