A XGL ratifica o acordo para a realización de obras por emerxencia en catro edificios municipais danados polos temporais 

26
O Concello de Pontevedra investirá preto de 579.000 euros á hora de reparar o Pavillón de Marcón, o edificio de Michelena 30, a Casa da Luz e a Escola infantil da Parda 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa co obxectivo de dar conta da Xunta de Goberno Local (XGL) celebrada a primeira hora da mesma. Dentro da orde do día, figuraba a ratificación do decreto de alcaldía acordando a realización por emerxencia de diversas reparacións en edificios municipais motivadas polos danos acontecidos durante os últimos temporais.

Alén deste primeiro punto, o alcalde quixo subliñar tamén a concesión das prórrogas dos prazos establecidos nas licencias urbanísticas concedidas para diversas obras privadas. «Nos últimos tempos é habitual ver que damos prórrogas para obras municipais, mais aquí temos o exemplo de que é algo xeralizado», explicou. «O malo tempo e o incremento de prezos, ademais da falta de persoal, deriva en que todas as obras, tanto públicas como privadas, teñen estes atrasos».

Retomando as nomeadas obras de emerxencia, o rexedor da cidade indicou que son catro obras en concreto, que contemplan unha serie de reparacións que acadarán un gasto total de 579.031,29 euros. Tal e como se apuntaba, os desperfectos nestes edificios municipais foron consecuencia dos ventos e das choivas dos últimos meses, o que provocou estas actuacións de emerxencia que permitirán seguir utilizando estas instalacións con normalidade. 

A relación de actuacións é a seguinte:

  • Pavillón de Marcón: 146.173,60€ (ive incluído) – Substitución de paneis na cuberta, modificación dos canalóns, colocación a maiores de aliviadoiros de auga nos propios canalóns e impermeabilización da cuberta e da zona de vestiarios.  
  • Edfificio municipal de Michelena 30:  83.078,35€ (ive incluído) – Colocación dunha nova liña de vida para permitir o mantemento da cuberta, arranxo e impermeabilización do canalón e instalación dun novo lucernario (aluminio con panel de policarbonato).
  • Casa da Luz: 172.614,16€ (ive incluído) – Retirada de mobiliario, substitución de tabiques e pavimento, substitución de portas e, o fundamental, colocación de bombas para a evacuación da auga con conexión coa rede de pluviais xunto cun sistema de alarmas por fallo eléctrico. 
  • Escola infantil da Parda: 177.165,18€ (ive incluído) – Arranxo do perímetro na zona do patio exterior e da zona de pendente da entrada, executando un sumidoira de recollida de pluviais. Gavia de drenaxe no perímetro do edificio e reparación de pavimentos do interior e exterior. 

Seguindo as instrucións técnicas, será a empresa Construcciones Ramírez, S.L. a encargada de realizar estes traballos con carácter de urxencia, polo que comezarán coa maior brevidade posíbel