O alcalde sinala a «transcendencia» da cuestión de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos do 2024 

28
Miguel Anxo Fernández Lores indicou que «o máis importante é que o Concello poida funcionar, sexa eu alcalde ou non», lembrando que o pleno do 8 de xaneiro, «non é algo baladí»
O rexedor explicou que toma a decisión de poñer o seu cargo a disposición da corporación logo de comprobar «a confluencia existente á hora de obstruír o funcionamento deste Concello» 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu este mércores, 3 de xaneiro, en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Portavoces celebrada a primeira hora da mesma, co obxectivo de convocar o pleno extraordinario do vindeiro 8 de xaneiro no que serán sometidos os orzamentos para o ano 2024 ideados polo Goberno Local a unha cuestión de confianza.

O nomeado pleno iniciarase ás 11.00 horas, contando cunha intervención inicial do rexedor, dúas quendas para os distintos grupos políticos da corporación e os seus voceiros, e unha intervención final do alcalde. 

O rexedor da cidade lembrou que a día de hoxe o Concello funciona cuns orzamentos prorrogados do ano 2022, «algo do que se está resentir fondamente xa, comprometendo as prestancións e os servizos municipais».

«Se tomei a decisión de presentar unha cuestión de confianza é porque hai unha confluencia á hora de obstruír o funcionamento do Concello», indicou Lores. «Estou poñendo o meu cargo de alcalde a disposición da corporación municipal. É o mecanismo que temos os Concellos, non así outras administracións, que poden convocar eleccións. É un tema transcendente, non é algo baladí. Perante a situación de que o Concello estea paralizado, o máis importante é que este funcione, sexa eu alcalde ou non».

O actual rexedor da cidade sinalou que «hai que ser moi inxenuo para pensar que tendo a capacidade que teñen o PSOE e o PP de Pontevedra para coincidir en diferentes temas, non se poidan poñer de acordo nunha moción de censura». Lores lembrou tres exemplos distintos como son a apertura de Raíña Vitoria, a localización da feira ambulante na Alameda ou a subida salarial por enriba do 10 %, «chamada RPT polos outros grupos»; tres temas que ambos os dous grupos consideran «moi relevantes».

Así, o alcalde volveu facer un novo chamamento á oposición para «permitir que o Concello funcione e de non facelo, coherentemente, presenten unha moción de censura». «Non é algo baladí, repito: estou poñendo o meu cargo a disposición desta corportación».

Continuando coa súa comparecencia, Lores considera «factíbel» que se chegue a presentar unha moción de censura apoiada polo PP e polo PSOE, logo de demostrar ao longo destes meses «o rápido que se poñen de acordo en certas cuestións». Partindo das preguntas dos xornalistas presentes, citando as declaracións do líder do PSOE local nas que sinalaba que non faría alcalde ao líder do PP, o alcalde indicou que «desde logo será porque non lle deixan, pois na práctica están chegando a acordos decotío para boicotear o funcionamento do Concello».