O alcalde realiza un novo chamamento «ao sentido común» á hora de evitar a «parálise económica que vivirá o Concello» de non aprobarse os orzamentos do 2024 

111
O vindeiro luns, 8 de xaneiro, será celebrado un novo pleno extraordinario no que se someterán os orzamentos ideados polo Goberno Local a unha cuestión de confianza
Polo momento, e desde o comezo deste ano, a cidade conta cuns orzamentos prorrogados que permitirán o pago das cuestións obrigatorias, mais reterán ou paralizarán fondos para partidas non imprescindíbeis como festas ou subvencións deportivas e culturais 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para sinalar e contextualizar a situación de parálise ou bloqueo económico que vivirá o Concello de Pontevedra de non ser aprobados os orzamentos do ano 2024. 

O rexedor quixo lembrar que todas as administracións teñen recursos ou vías para evitar situacións de bloqueo ou obstrucción no seu funcionamento. «O Estado ou as comunidades autónomas poden convocar eleccións», indicou. «Hai unhas novas eleccións e o goberno saínte é o encargado de desbloquear a situación. Os Concellos non temos este mecanismo; temos a cuestión de confianza. Cando se dá unha situación de bloqueo para o funcionamento normal do Concello non queda máis remedio que facer unha cuestión de confianza».

Lores explicou que no caso pontevedrés hai antecedentes, como no ano 2016, cando a moción de confianza fixo mudar o voto dalgunha formación política e foron aprobados os orzamentos a través deste mecanismo. «Cando non ocorre isto, é dicir, cando non se aproba, a oposición municipal pode presentar unha moción de censura e presentar unha alternativa de Goberno diferente».

«A día de hoxe, 2 de xaneiro, os orzamentos foron prorrogados de xeito automático. Neste intre Intervención está a estudar esa prórroga, que tería como base os orzamentos do 2022», comentou o rexedor. «Son uns orzamentos con menos ingresos e menos gastos dos que teríamos co orzamento do 2024. Falamos de, aproxidamente, uns seis millóns de euros menos. Por que? Porque hai que reter crédito para cuestións fundamentais como contratos activos, os xuros, gasto en persoal, etcétera». 

Así, eses gastos obrigatorios deben ser extraídos ou retraídos doutras partidas, aquelas non imprescindíbeis, como as subvencións deportivas e culturais ou as festas e actividade de todo tipo ao longo do ano. «O funcionamento ordinario do Concello queda moi condicionado», indicou. «Por exemplo: a programación deste ano de Nadal non podería ser realizada como tal, pois non hai cartos na partida para poder facela».

Deste xeito, o alcalde fixo «de novo» un chamamento ao sentido común dos dous grupos da oposición, «xa que poden variar de opinión ao longo desta semana» e favorecer a aprobación dos orzamentos para o ano 2024. «