O Concello reparará as cámaras frigoríficas do Mercado e instalará un novo depósito de augas estanco

18

As fortes choivas das semanas pasadas danaran distintos elementos do edificio municipal, polo que era preciso executar diversas actuacións por emerxencia

A edil de Promoción económica, Anabel Gulías, indicou que este importante investimento, de máis de 240.000 euros, forma parte da primeira fase de revitalización e posta a punto do lugar

A edil de Promición económica, Anabel Gulías, deu conta esta mañá das obras de emerxencia que se están a desenvolver no Mercado de Abastos. Trátanse dunhas actuacións que corrixirán a problemática xurdida a raíz das distintas e fortes precipitacións que caeron nestes últimos meses, derivando nun aumento de caudal que danou as cámaras frigoríficas.

«É un investimento importante que ben pode ser o principio dunha posta a punto e un acondicionamento do Mercado municipal, sendo estas obras a súa primeira fase, e a revitalización do primeiro andar na seguinte», indicou Gulías. O Concello investirá un total de 242.410,47 euros (prezo con IVE engadido).

Será subtituído o depósito de augas do Mercado, para facer un novo depósito estanco, o que manterá a salubridade e todas as condicións necesarias para que o Mercado funcione de forma axeitada. «Estará situado onde está agora, no cuarto das cámaras», sinalou.

Tamén serán reparadas as cámaras frigoríficas do primeiro soto, unha «peza fundamental no funcionamento do Mercado», ao mesmo tempo será mellorada a instalación de electricidade e completadas as canalizacións da rede interior de saneamento e a súa conexión coa rede municipal.

«Faremos estas obras con toda a cautela posíbel, respectando as datas nas que estamos, datas nas que o Mercado conta cunha actividade fundamental para os seus traballadores e traballadoras», explicou a concelleira. «Imos ir aos poucos, conservando as cámaras, trasladando, dividindo os produtos, aproveitando os espazos… tentar que as obras non afecten ao funcionamento normal da praza. Ora ben, algunha molestia causarán, somos realistas».