A Concello limpará a Rúa do Santo e desentupirá a canalización da zona para evitar novas inundacións

10

Os servizos técnicos tamén actuarán no inmoble da Rúa do Ouro que presenta risco de desprendemento da súa galería e do seu tellado cara á vía pública, asegurando o edificio

Na comparecencia ofrecida polo alcalde dando conta da XGL celebrada esta mañá, Miguel Anxo Fernández Lores informou da aprobación por emerxencia da limpeza da Rúa do Santo, «que afectá á canalización dese regueiro que baixa de Lourizán e que pasa por debaixo da estrada de Marín, cruzando tamén a praza da igrexa».

O alcalde indicou que ao longo das últimas semanas o lugar sufriu de varias inundacións polas intensas choivas, polo que esta actuación ten como obxectivo evitar que suceda de novo, desatorando a canalización da zona. A obra foi adxudicada a Viaqua con cargo ao canon que ten pagar anualmente ao Concello, sendo uns 42.000 euros.

Tamén por emerxencia foi aprobada a realización de obras de seguridade no inmoble da Rúa do Ouro, número 17. «Trátase da execución subsidiaria dunha orde que non se executou, pos parece haber dúbidas coa titularidade, mais como hai risco de perigo fainas o Concello primeiro. Teñen un custe de 59.000 euros e están adxudicadas á empresa Planificacion Desarrollo y Gestion de Construcciones S.A.

O inmoble ten risco de desprendemento da galería á vía pública —que xa está apuntalada— e risco de desprendemento de tellas cara á vía pública, polo que se propón un derrubamento parcial da galería, a retirada de elementos da cuberta e o pechado de todos os ocos do edificio, ademais da instalación dunha estrutura metálica para protexer o tellado.