O Concello traslada a campaña de mellora urbana e ambiental a Monte Porreiro cunha visita previa do concelleiro Moreda 

33
A visita responde, tamén, a reunión mantida nas pasadas semanas entre o alcalde e a nova directiva da asociación O Mirador para iniciar un tempo novo na interlocución coa veciñanza
Podas, rozas, reparación de beirarrúas, mellora da limpeza son algunhas das propostas recollidas polo concelleiro na visita que fixo ao barrio

Mentres o Concello continúa adiante coa campaña de mellora urbana e ambiental nos barrios coa reparación da praza da Praia de Estribela e xa prepara as primeiras actuacións na praza das Regas, o concelleiro responsable dos Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda trasladouse nestes días ao barrio de Monte Porreiro para coñecer in situ a demanda da Asociación de veciños « O Mirador ».

Esta visita obedece ao encontro que recentemente vén de manter o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores cos representantes veciñais do barrio que acaban de asumir as rendas deste colectivo. Naquel encontro de presentación, o alcalde xa lles trasladara a súa satisfacción porque haxa unha asociación dinamizando o barrio e por poder ter unha interlocución fluída.

Seguindo o mandato do alcalde, Xaquín Moreda percorreu o barrio acompañado dun dos portavoces da nova directiva da asociación para coñecer as propostas que fan en materia de mantemento dos espazos públicos.

A poda de árbores, rozas en distintos puntos do barrio, reforzo da limpeza viaria, revisión na colocación dalgúns colectores a petición dos veciños, son algunhas das propostas recollidas polo concelleiro que se irán implementando. A intención da Concellaría é aproveitar as sinerxías dos distintos servizos municipais implicados para actuar de xeito global zona a zona mellorando, pouco a pouco, a imaxe do barrio, un dos de maior calidade de vida de Pontevedra.