O Concello anima a mercar no comercio local neste Nadal coa campaña 2×1

126

A Concellaría de Promoción económica recórdalles aos Reis Magos, a Papá Noel e ao Apalpador que mercar no comercio pontevedrés fai feliz a quen recibe os agasallos e mellora a economía local
A campaña distribúe 27.000 flyers entre todos os domicilios do concello e cartelería entre os comercios de Pontevedra 
Aproveitando o inicio do Nadal, o Concello de Pontevedra inicia unha campaña de promoción e visibilización do comercio local para que os cómplices e paxes do Apalpador, Papá Noel e dos Reis  Magos fagan as súas compras no concello. 

A campaña leva o título « 2×1 Cada agasallo mercado no comercio local de Pontevedra vale por dous » porque fai feliz á persoa que recibe o agasallo e mellora a economía de toda a cidade. A Concellaría de Promoción da cidade que xestiona Anabel Gulías iniciou a campaña cunha distribución de cartelería nos establecementos comerciais  e de folletos en todo o concello. En concreto, distribúesen 27.000 flyers oficiais da campaña en todas as vivendas de Pontevedra, tanto no casco urbano como nas parroquias a través do servizo de Correos.

A campaña vai dirixida aos Reis Magos e a Papá Noel na que se lles pide que merquen os agasallos no comercio local « para reforzar a economía de toda a comarca ». Logo dunha longa viaxe por todo o mundo, recórdalles que mercar en Pontevedra « todo son vantaxes » xa que « é todo máis ecolóxico e cómodo ». Ademais « axudades a autónomos e pequenos comercios que fan que esta sexa unha cidade viva e marabillosa para vivir e visitar ».

Esta campaña de visibilización do comercio local refórzase con actividades en todos os barrios cun programa que leva por título « Merca no barrio ». Comezará a partir do día 16 de decembro en toda a cidade. 

O Mercado de Abastos tamén está incluído na campaña ao incluír o Mercado creativo e o Ganapán que comezan a súa actividade o 22 de decembro. 

No barrio da Parda e na rúa San Antoniño haberá unha acción singular e experimental para dinamizar as compras nestes barrios.