Preto de medio millar de deportistas pasarán pola cidade da man do tenis de mesa ao longo desta semana 

18
O pavillón multiusos da Xunqueira acollerá dous eventos de enorme relevancia, como son o Europa Trophy e o Preestatal Pontevedra 2023, entre o 6 e o 10 de decembro 

A ponte de decembro terá na Boa Vila un marcado carácter deportivo grazas a dúas citas que achegarán até a cidade a medio millar de deportistas. O tenis de mesa segue en alza e Pontevedra amosará o seu interese e capacidade organizativa da man do Tenis de mesa Monte Porreiro coa celebración do Europa Trophy e do Torneo Preestatal Pontevedra 2023.

A primeira das citas, que se celebrará os días 6 e 7 de decembro, é a Europa Trophy. O evento internacional preséntase como unha competición na que están clasificados cinco equipos do Estado da Superdivisión, entre eles dous galegos. 

Na práctica, esta é a primeira fase da competición, e organízase por proximidade dos equipos participantes europeos. Así, a veciñanza pontevedresa poderá ver xogar ao longo destes dous días ao Tenis de mesa Monte Porreiro, ao Arteal Santiago, o 1º de maio (portugués) e o CD San Roque (portugués). Só un dos catro equipos será o que obteña o pase a seguinte rolda da Europa Trophy, logo dunha serie de encontros de todos contra todos. 

Doutra banda, xusto a continuación deste primeiro evento, iniciarase o Torneo Preestatal, na que chegarán competidores desde Aragón, Navarra, La Rioja, País Vasco, Asturias e Galiza. Buscarán obter tamén a súa clasificación para a seguinte fase da competición.

«Teremos a preto de 500 xogadores e xogadoras de todas as categorías, dispostos a dar a súa mellor cara co obxectivo de xogar o campionato estatal que se celebrará en Tarragona», explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. «Teremos catro días de deporte en Pontevedra, con unha boa representación galega e pontevedresa (xogando na casa o Monte Porreiro). Haberá un retorno económico evidente, ao ter que pernoctar aquí e só podo agradecerlle ao servizo de deportes a súa implicación e traballo, ademais do esforzo do propio club de Monte Porreiro e da Federación Galega de Tenis de Mesa, representada pola súa presidenta Nuria Castro».

O adestrador do Monte Porreiro, Nando Álvarez, agradeceu a aposta do Concello de Pontevedra polo tenis de mesa e as competicións deportivas, agradecendo tamén á Federación Galega a súa decisión de escolleren Pontevedra para escoller un evento «tan importante como é o torneo Preestatal». «Podemos estar moi orgullosos da evolución do noso club xa non só polos resultados e o número de equipos que temos, senón tamén pola súa evolución á hora de organizar eventos importantes, dando tamén un salto a nivel europeo con este trofeo». 

Por último, Nuria Castro explicou que na Federación estaban «súper contentos» de poder facer en Pontevedra o nomeado torneo. «Somos unha directiva nova, esta é a nosa primeira competición importante e cremos que está nas mellores mans», indicou. «Monte Porreiro é unha garantía, teñen experiencia e gana de traballar e só podemos agardar que todo vaia ben e que os galegos teñan sorte para clasificarse».