O Concello ultima detalles para dar a benvida ao Nadal 

58

A iluminación acenderase mañá ás 19.00 horas na praza de España cunha actuación do Coro da Xunqueira. Ao tempo abrirase a pista de Xeo e o tobogán, así como o poboado de Nadal da Praza da Ferraría.

O Concello instalou moitos máis motivos e elementos de decoración de luz chegando á praza da Ponte do Burgo, Andrés Mellado, parque María Viñals, Eduardo Pondal ou Concepción Arenal. 

O Concello de Pontevedra ultima os traballos para recibir o Nadal. Os departamentos de Festas, Promoción económica e Xardíns supervisan iluminación, decoración, casetas, xogos, xardinería… para que estean en perfecto estado de revista mañá a partir das 19.00 horas, cando Pontevedra se sumerxerá de cheo no Nadal ao acender a iluminación na praza de España.

Son moitas as novidades da programación deste ano: un mercado de Nadal único na praza da Ferraría, a concentración dos xogos da campaña de fomento das compras no comercio local na praza do Concello, o Recinto Feiral con hinchábeis no caso de chuvia, o mercado creativo no primeiro andar do Mercado de Abastos, e ducias de actividades en centros sociais do rural e da cidade, no Pazo da Cultura e no Teatro Principal.

A instalación da iluminación está practicamente rematada e ten importantes novidades. Ás 80 rúas e prazas iluminadas no último Nadal súmanse Filgueira Valverde, Antón Fraguas e Andrés Mellado. A decoración de nadal tamén se estende a outras moitas zonas da cidade. Xa son tradicionais as bolas da Peregrina, da praza da Audiencia, Daniel de la Sota, Monte Porreiro, a árbore de Curros Enríquez, ou a decoración da praza do Hospital onde se instalou un corazón e unha caixa de agasallo na praza do Mercado de Abastos. A gran árbore da Praza de España e o mercado Tempo de Nadal na praza da Ferraría.

Nesta ocasión, a estes motivos súmanse unha nova bola de luz na praza da Ponte do Burgo, árbores de luz en Eduardo Pondal e Concepción Arenal, un camelos e árbores de nadal na praza de Pintor Laxeiro, na Parda, e unha composición de árbores de luz na praza de María Viñals, en Campolongo.

Ademais, xa están listos os maceteiros de Benito Corbal con flores de pascua e outras especies propias de Nadal.

O programa de Nadal, de man, xa está na rúa. 3.000 exemplares están distribuídos no edificio administrativo do Concello en Michelena, 30, no departamento de Cultura no edificio Churruchaos, e tamén na caseta de turismo de Montero Ríos. Ademais, está previsto o reparto de 27.000 exemplares nos domicilios dos pontevedreses e pontevedresas a través de Correos.

Como todos os anos, a iluminación porá en marcha as actividades que comezarán co acendido da iluminación que está previsto para mañá, ás 19.00 horas na gran árbore de Nadal de Praza do Concello e que estará a menizado polo Coro da Xunqueira. Os cativos e cativas que estean no lugar poderán participar no acendido da árbore.

Dende esa hora tamén estará aberta a pista de xeo e o tobogán da praza de España aos que se poderá acceder cun ticket do comercio local.

Ademais, abrirase o Poboado de Nadal da praza da Ferraría onde se poderán facer compras de artesanía e agasallo en colaboración con Zona Monumental.