O Concello ordea a suspensión da construción do edificio lindeiro co colexio de Barcelos 

6

O Concello de Pontevedra vén de acordar a suspensión das obras de construción do edificio situado ao carón do colexio de Barcelos porque está a interferir no centro de ensino, especialmente no zona onde está situado do ximnasio, segundo explicou esta mañá o concelleiro de Educación, Demetrio Gómez. Así o acaba de determinar o departamento de arquitectura municipal nun informe reliazado logo da visita cursada onte á obra.

Na notificación do Departamento de Disciplina urbanística do Concello ao promotor da obra acórdase “adoptar medidas urxentes de seguridade para garantir a estabilidade dos terreos nos que se asenta os inmobles lindeiros”, e os promotores deberán achegar no prazo de 24 horas un documento técnico no que se indiquen as medidas inmediatas que se van a adoptar para impedir que as excavacións realizadas e os muros que xa se executaron produzan alteracións do terreo sobre os que se asenta o inmoble. Deberán adoptar medidas que garantan a estabilidade do terreo na esquina na que se sitúa o ximnasio.

Ademais, no prazo de 5 días, deberán achegar un informe técnico no que se revise a solución que se está empregando na escavación e execución dos muros dos sotos, e se valore a solución técnica máis adecuada para poder continuar coa obra. Mentres non se achegue este informe, se paraliza toda a escavación da parcela agás que teña que ver coas medidas de solución do problema.