Inauguración do Culturgal, Feira das Culturas galegas 2023

23

 Román Rodríguez, conselleiro de Cultura.

Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra

Victor López, presidente da Culturgal

Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña

Amigos e amigas, bo día e benvidos a unha nova edición da Culturgal, a Feira das Culturas Galegas

É un orgullo e unha sorte poder estar un ano máis aquí, amosando a potencia cultural de Galiza porque se de algo podemos presumir neste país é da calidade da nosa cultura.

A cultura galega ten amosado ao longo dos séculos a súa capacidade de resistencia, levantando a cabeza logo de períodos escuros e sombríos. Hoxendía, a profesionalización da creación, produción, distribución e comercialización do sector cultural dispón duns estándares destacados pero aínda precisa que as administracións siguamos a estar á altura.

No Concello de Pontevedra sabemos algo diso. E a nosa presenza hoxe aquí é a constatación da aposta municipal polo fomento e promoción da nosa cultura, unha entrega que nos fai estar orgullosos e orgullosas.

Alégrome de que Culturgal sexa unha cita regular do calendario pontevedrés e unha cita ineludible para boa parte do público galego que ama a cultura. Soamente temos que achegarnos ao Recinto Feiral para atoparnos a veciños, amigas, coñecidos… chegados de todos puntos do país nestes primeiros días de decembro, como se dunha tradición se tratase.

Nesta fin de semana pasarán por este espazo milleiros de galegos e galegas porque Culturgal é un lugar de encontro entre públicos, artistas, profesionais e institucións. Pero quixera destacar, especialmente, que nesta edición se potencie os encontros entre os profesionais e os distintos sectores culturais porque, de seguro, permitirán enriquecer o sector, afincalo e ser xerme de novos e fermosos proxectos. Parabéns por esta iniciativa.

Sen máis, remato felicitando a todo o equipo que fai posíbel o Culturgal: asociacións, entidades, creadoras, participantes, administracións… Sabendo que será un novo éxito. Inauguramos a Feira das Culturas galegas dándovos a benvida a Pontevedra.

Moitas grazas.