Carme da Silva anuncia que deixa o Concello para adicarse “ao 100% a que Pontevedra e Galiza teña capacidade de influencia no Estado” 

8

Acompañada do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira recoñeceu que “sempre serei concelleira de Pontevedra” cargo que ocupou dende 1995. Agora terá unha nova ocupación a prol da cidade “impulsando asuntos de Pontevedra en Madrid”.

O alcalde cualificou a decisión como unha boa noticia porque “Pontevedra gaña unha concelleira que estará destinada en Madrid”. 

A concelleira de Urbanismo, Carme da Silva anunciou esta mañá que deixa a súa acta de concelleira na Corportación do Concello de Pontevedra para adicarse a tempo completo a súa ocupación como senadora nas Cortes do Estado. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores acompañouna neste anuncio e asegurou estar contento coa decisión dado que “Pontevedra terá unha concelleira máis en Madrid”, en relación aos logros das xestións que Carme da Silva está a realizar en beneficio de Pontevedra, polo de agora, o desbloqueo do acceso de Mollavao e o acordo coa DXT para abandonar os terreos da Xunqueira da Gándara.

Carme da Silva explicou na súa comparecencia que “a experiencia destes meses, antes de que empezase a investidura, demostrou que máis alá da presencia, da actividade ordinaria do Senado, é moi importante estar alí para xestionar e mover as cousas”. Co inicio da lexislatura “onde o acordo e a negociación vai a ser moi importante, adicar o 100% do tempo a que Pontevedra e Galiza teñan a capacidade de influencia e de presión necesaria para que os temas que nos afectan se movan, é fundamental”, argumentaba a concelleira.

Carme da Silva recoñeceu que “eu sempre serei concelleira de Pontevedra. Iso é algo que, dende o ano 95, que tomei posesión por primeira vez na oposición, é un honor poder ser representante de Galiza nas Cortes e concelleira de Pontevedra nas Cortes do Estado”, pero garantiu que o seu traballo por Pontevedra continúa adiante “pois hai moitas cuestións que seguiremos impulsando, e que xa estamos impulsando neste momento”.

Pola súa banda, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores anunciaba que “hoxe vimos dar unha gran noticia para Pontevedra e para Galicia. Carmen vai dedicarse en tempo e forma a estar nas Cortes do Estado”. “Eu, que  coñezo desde hai moito tempo a súa capacidade de traballo, a súa capacidade de política e de xestión, é unha alegría que poidamos ter en Madrid unha persoa que ten demostrado esa capacidade, que participou nas negociacións que se fixeron en Madrid para o goberno actual, e que neste pouco tempo xa ten feito cousas importantes para Pontevedra” explicaba Lores en relación aos acordos con Costas sobre o vial de Mollavao e a DXT sobre a Xunqueira da Gándara.

“Eu estou encantado porque Pontevedra gaña un concelleiro. Obviamente, ela vai ser substituída na Corporación, pero imos  ter nove concelleiros na Corporación, e un máis que está en Madrid e que vai estar en contacto permanente con Pontevedra” anunciou Fernández Lores, quen recordou que a figura de Carme da Silva nas Cortes é “imprescindible para a nosa cidade, e para Galiza tamén”.