A DXT disposta a abandonar a Xunqueira da Gándara a cambio de terreos aos que trasladar a súa actividade 

48

O alcalde informou esta mañá da comunicación da DXT recibida no Concello na que confirma a vontade de deixar as instalacións que ten na Xunqueira. Lores confirma a disposición do Concello de ofrecer terreos para o traslado da actividade.

A mediación da concelleira e senadora do BNG Carme da Silva, clave nos acordos de Costas e da DXT. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores informou esta mañá da comunicación da Secretaría xeral da Dirección xeral de tráfico (DXT) que vén de recibir o Concello na que confirma a disposición da DXT a abandonar os terreos que ocupa na Xunqueira da Gándara. O alcalde calificou a contestación de “boa nova” por poder dar un chanzo máis na recuperación da Xunqueira da Gándara e anunciou que comezará as conversas coa DXT para ver cales son as súas necesidades para deixar os terreos da Xunqueira.

“O 18 de abril mandamos unha carta a todas as administracións para demandar que se deixen libres as ocupacións que hai na Xunqueira da Gándara” indicaba o alcalde quen desvelou que recentemente “tiven unha reunión coa directora provincial para aclarar o contido da carta e onte chegou un escrito da Dirección xeral de Tráfico, do Organismo autónomo xefatura central de tráfico, no que se acepta a posibilidade de trasladarse da ocupación que ten na xunqueira, que son 6.875 metros cadrados, cunha edificación onde fan exames teóricos e unha parte na que se fan os examenes prácticos”.

“Nesa carta dise que están dispostos a abandoar sempre que por parte do Concello se ofreza uns terreos alternativos onde poidan exercer a súa actividade, que é necesaria e imprescindible”, indicou o alcalde quen adiantou que “a partir de agora imos ter reunións” nas que a DXT plantexará as súas necesidades e o Concello ofrecerá alternativas.

O alcalde agradeceu o traballo realizado pola concelleira de Pontevedra e senadora do BNG, Carme da Silva, integrante da comisión negociadora co Partido Socialista a nivel do Estado para a formación do Goberno, por ser artífice destes acordos aos que está a chegar o Concello. Logo da comunicación de Costas desbloqueando o acceso a Mollavao, chega agora a notificación para continuar recuperando a Xunqueira da Gándara. “E hai máis aínda”, indicaba Fernández Lores en relación a outros expedientes relacionados con Pontevedra nos que a concelleira está participando directamente en Madrid.