Pontevedra súmase ao obxectivo de acadar os dous millóns de practicantes de deporte en Galiza 

17

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o vicepresidente do Clúster galego da industria do Deporte e do Benestar, Pedro Iglesias, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración para a adhesión de Pontevedra ao movemento dous millóns. O propósito é fomentar a práctica da actividade física e deportiva para que Galiza chegue aos 2 millóns de persoas que practican deporte, xa que neste momento é a última comunidade autónoma do Estado neste ranquing.

O alcalde explicou que “Pontevedra é a cidade do deporte, e o temos demostrado polo alto nivel de competicións deportivas, de eventos deportivos e pola cantidade de clubs que están competindo en categorías estatais de todos os deportes e a todos os niveis” pero o obxectivo é que “a cidadanía de Pontevedra se incorpore tamén á prática e á actividade deportiva, por moitas razóns: porque fixemos unha transformación urbana que permite o uso do espacio público, traballouse nos espazos perimetrais da cidade para poder facer paseos para facer todo tipo de actividade deportiva; tamén se melloraron instalacións…”.

Tamén lembrou que “hai unha parte importante de actividade deportiva que xenera a actividade económica” xa que cada vez hai máis empresas arredor do deporte e actividade física.

O vicepresidente do Clúster, Pedro Iglesias explicou que neste momento Galiza é a última comunidade do Estado en practicantes de actividade física “e queremos ser a primeira”, por riba do País Vasco que lidera esta clasificación xa que reportará moitos beneficios para a sociedade, empezando pola sanidade, xa que pasar de ser sedentario a practicante de actividade física supón un aforro duns mil euros ao ano/persoa para a sanidade pública.