O Concello recibirá a reforma da Casa Consistorial en xaneiro 

112

O alcalde visitou esta mañá os traballos de recuperación e dixo estar “moi satisfeito” polo resultado da intervención. 

A reforma da Casa Consistorial chega ao seu fin. Esta mañá o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores acompañado da concelleira de Réxime Interior, Eva Vilaverde visitaron a reforma do edificio nunha “penúltima visita”. Pendente de detalles, mobiliario e limpeza final, a Casa Consistorial estaría lista para o 20 de Xaneiro, día de San Sebastián, patrón de Pontevedra.

“Probablemente se faga un pleno antes”, dixo o alcalde quen non tiña moi claro se se podería facer o pleno de honra por unha cuestión de capacidade “igual temos que utilizar o Principal neste caso”.

Lores dixo estar “moi satisfeito co resultado final da obra, tanto por parte dos arquitectos, dos técnicos municipais, como por parte da empresa, que están traballando seriamente e cumprindo os prazos”. Lembrou que queda “un edificio recuperado, con todas as garantías de accesibilidade en todos os sentidos, porque ten un ascensor, baños accesibéis incluso para persoas ostomizadas, para cambiar bebés na planta baixa… Vai a ser un edificio representativo, institucional, onde celebraremos os plenos e outro tipo de actividades, probablemente as bodas”.