Costas inicia o proceso para dar a concesión da parcela dos circos ao Concello para construír a variante de Mollavao

45

César Mosquera informou que esta petición formou parte das negociacións do BNG nos acordos de constitución do goberno do Estado. A interlocutora foi a concelleira e senadora Carme da Silva.

O Concello recibiu esta mañá unha resolución de Costas na que solicita ao Concello unha serie de aclaracións que se farán nos vindeiros días para que a concesión sexa unha realidade. 

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera informou esta mañá que o Concello de Pontevedra vén de recibir a autorización de Costas para a construción do acceso entre a avenida de Marín e Rosalía de Castro (na parcela dos circos) que permitirá a urbanización da rúa entre Manuel del Palacio e a ponte do tren. O documento, suxeito a unha serie de xustificacións “menores” por parte do Concello, enmárcase nos acordos acadados polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) para a constitución do actual goberno do Estado, que contou coa participación directa da concelleira de Urbanismo e senadora do BNG, Carme da Silva, unha das tres persoas que integraron o equipo negociador do BNG.

César Mosquera explicou que este acordo non chegou a ser público por tratarse dun asunto administrativo que había que resolver por vías administrativas, pero o Goberno local tiña claro que un dos asuntos a “desatrancar” era a construción do novo vial de Mollavao.

As xestións da senadora e concelleira Carme da Silva ante Costas permitiu que esta mañá entrase no Concello, ás 8.29 da mañá unha resolución datada do día 17 de novembro “na que se desatranca a concesión para a construción do vial que é imprescindible para mellorar a calidade urbana de todos os que residen e traballan en Rosalía de Castro, até a ponte do ferrocarril”, explicaba César Mosquera.

Neste documento Costas pon unha serie de condicionantes que ten que aceptar o Concello de Pontevedra para que esa concesión sexa definitiva. En concreto, solicita que se lle comunique se Adif informou sobre o proxecto (dado que se atopa ao carón da ponte do ferrocarril), se están contestadas as alegacións xa que se abriu até un terceiro prazo de alegacións “o que parece que a vontade non era exactamente darlle para adiante ao proxecto”, matizaba Mosquera; debe que xustificar os efectos sobre o cambio climático “que parece non ter maior complicación porque a obra está fóra da liña de Costas”, o compromiso de que o Concello solicitará no futuro a concesión da avenida de Marín, e facer unha aclaración sobre os lindes polo proxecto de mellora que a Xunta está a facer na estrada vella de Marín.

“En principio son todas cousas menores”, explicou César Mosquera quen aclarou que “esta esta comunicación é un trámite obrigatorio, necesario, e que demostra a vontade de Costas de facer esa concesión”.

O alcalde deu orde para que todos os servizos implicados se poñan a traballar para que estas peticións estean todas contestadas no prazo de dez días, e non perder un minuto máis no proxecto de reforma de Rosalía de Castro.

“En resumo, salvo sorpresa desagradable a día de hoxe imprevista, a concesión de Costas co que supón de construción dese pequeno tramo e de mellora de Rosalía de Castro está en vías de solución, que despois do que pasaron os veciños e o Concello é unha gran noticia” concluía o concelleiro de Infraestruturas, que non quixo despedirse sen recordar que “Carme da Silva bateuse o cobre moi duramente para logralo”.