O alcalde visita as sondaxes do subsolo do Gafos que ofrecerán conclusións sobre o seu destape en poucas semanas 

27

Están feitas arredor do 50% das catas previstas que xa ofrecen información como que os muros de contención do río son trapezoidais e que están levantados sobre grava e area.

Mosquera agarda que as conclusións se coñezan nuns días e poder avanzar nas alternativas sobre o descubrimento do Gafos 

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá información de primeira man de como están evolucionando as sondaxes no río Gafos ao seu paso por Campolongo. Acompañado do concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera visitaron os traballos e falaron cos responsables da empresa que os realiza.

O alcalde lembrou que estes traballos previos son importantes para “tomar decisións sobre a viabilidade do levantamento do río”. Confirmou que as catas ían a bo ritmo e poderán estar rematadas nuns días xa que a empresa ten arredor do 50% do traballo feito, “e partir de aí, ir tomando decisións”.

O concelleiro César Mosquera confirmou que “se está conseguindo información”, do estilo que os depósitos naturais río arriba son menores que río abaixo; que os muros laterais son trapezoidais e está levantado sobre grava e area “material solto que é outro condicionante que hai que ter enconta”.

As sondaxes xa amosan que a zona máis preocupante é onde hai máis profundidade de terreo solto, que é o ámbito do colexio de Campolongo; e está pendente de confirmar cal é a situación do fondo do río “porque parece que non está armado”.

César Mosquera asegurou que as conclusións coñeceranse en cuestión de poucas semanas e así poderase “avanzar nas alternativas que se recomenden e sexan máis viables en función dos resultados”.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera.