A Praza da praia de Estribela estrea a campaña de mellora urbana e ambiental dos espazos públicos dos barrios  da cidade

47

A Concellaría de Servizos urbanos básicos actuará de xeito integral (pavimentos, mobiliario urbano, zonas verdes, alcorques…) en distintos barrios da cidade para conseguir manter os espazos urbanos en perfecto estado de revista.

Comézase pola praza da Praia de Estribela, para continuar por distintos lugares da Parda, a praza das Regas e o ámbito das Corvaceiras. 

O mantemento e o estado de conservación dos espazos públicos é unha liña central de traballo no novo tempo aberto polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores o pasado mes de xuño. Bancos, pavimentos, papeleiras, alcorques, zonas verdes, limpeza… son elementos do ámbito urbano que neste novo mandato teñen que estar en perfecto estado de revista para o uso dos veciños e veciñas de Pontevedra.

Seguindo a orde dada polo alcalde Lores, a Concellaría de Servizos urbanos básicos que xestiona Xaquín Moreda iniciou nestes días unha gran campaña de mellora urbana e ambiental en varios barrios da cidade. O propósito é iniciar unha liña de traballo de supervisión integral dos espazos públicos actuando en todos os seus aspectos: pavimentos, zonas verdes, parques infantís… até ir peinando toda a cidade.

Os traballos consistirán nunha limpeza xeral integral para poder traballar seguidamente en reparacións ou susbstitucións de bancos, pavimentos, papeleiras, alcorques, podas de árbores, mellora das contornas dos espazos infantís… 

As primeiras actuacións xa se están a realizar no barrio de Estribela, en concreto na praza da Praia de Estribela (antiga Marqués de Valterra) para continuar por varias rúas da Parda, a praza das Regas e o ámbito das Corvaceiras.

Na praza da Praia de Estribela comezouse cunha limpeza integral no interior da praza así como na avenida de Marín, no treito máis próximo á citada praza. Nos pavimentos resolverase os empozamos da avenida de Marín, substituiranse lousas en mal estado ou rotas, adecúanse e recupéranse os alcoques das árbores para que faciliten os tránsitos peonís. 

Tamén está previsto o destoconado dos alcorques das palmeiras situados na praza, onde tamén se retirarán os bancos de pedra para substituílos por bancos de madeira (os que se empregan na actualidade no resto da cidade). Tamén se retirará outro mobiliario urbano obsoleto e farase unha poda das árbores de todo o ámbito para que permita gozar deste espazo, especialmente do parque infantil da praza.

Esta intervención levará algunhas semanas e continuará pola praza das Regas onde tamén se procederá á realizar unha actuación integral mellorando a súa situación; a contorna do parque infantil e do centro de saúde da Parda tamén serán obxecto desta campaña de restauración urbana, así como o barrio das Corvaceiras, especialmente en rúas como Ouro, Ponte Nova ou Domingo de Andrade.

Xaquín Moreda, concelleiro de Servizos urbanos básicos.