Debut inaugura unha nova etapa nunha edición na que leverá á pasarela 17 traballos de fin de máster 

76

Co obxectivo de impulsar iniciativas formativas en conexión coa industria da moda 

Un total de 17 novos titulados e tituladas do mestrado en Deseño e Dirección de Arte en Moda presentarán o vindeiro venres 24, no recinto feiral do Pazo da Cultura, as coleccións que desenvolveron como traballos de fin de máster (TFM), nunha nova edición de Debut. O desfile, que neste 2023 contará por primeira vez cun prezo de entrada de 5 euros, será o colofón a unha semana de actividades centradas no mundo da moda, promovidas por este mestrado adscrito á Facultade de Deseño. A posta en marcha deste novo centro no presente curso foi nese senso unha das cuestións sinaladas pola coordinadora do mestrado, Lola Dopico, para pór de relevo que Debut “inaugura unha nova etapa” neste 2023. Por unha banda, polo “fito de que Pontevedra conte cunha Facultade de Deseño que acrecenta o posicionamento do mestrado e do Campus Crea do futuro”, e por outra, porque o desfile contou nesta ocasión cunha “resposta moito máis implicada por parte do sector da industria da moda”. De feito, adiantou, o mestrado traballa actualmente con diferentes firmas nunha “concepción de Debut” que se estenda “ao longo do ano, entendido non tanto como un desfile, senón como unha relación de formación continuada”, no marco do que se inserirán diferentes workshops “vinculados a estas industrias” que se irán desenvolvendo tanto este curso como o seguinte.

Como “primeiro exemplo” desa colaboración, Dopico sinalou a creación do Premio ao Deseño e a Creatividade que outorgará Bimba y Lola, ao que se sumará novamente o galardón á colección con valor artesanal da man da Fundación Artesanía de Galicia e da Xunta. Así mesmo, nesta edición, o desfile incorpora unha terceira distinción, da man da firma Alma Atlántica, o Premio Carisma Atlántico á colección que mellor reflicta “valores máis identitarios e máis conectados coa nosa mirada”.

A estes tres galardóns optarán 17 novos titulados e tituladas neste mestrado; Acoidan Marrero, Alba Gómez Granado, Andrea Rodríguez Eiras, Antía Vieiro, Carolina Bouza, Daniel Vidal, Erika Amor, Evelin Carrillo, Gabriel Viñal, Lara Cores, Laura Rodríguez Muíño, Mateo Barcia, Natalia Rama, Raquel Abad, Sergio Vidal, Uxía Armada e Wêdyla Rodrigues. Trátase, como recoñeceu Dopico, dun número de TFM máis elevado que en anteriores edicións e á súa presentación no desfile sumarase un segundo bloque, no que presentarán “outras tantas coleccións” realizadas polo alumnado que iniciaba o pasado curso este mestrado. Os proxectos finais serán avaliados por un tribunal conformado por Rosana Álvarez Agrelo, CEO de Painter´s Wife: Elisabet Fernández e Pablo Gallardo, directores de RTW e de accesorios, respectivamente de Bimba y Lola, e Cristina Guimaraes directora téxtil de Parfois.

Unha “plataforma de lanzamento” e un “escaparate” do Campus Crea

A presentación desta programación na Casa das Campás contou tamén coa intervención da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, que destacou que Debut é un “evento moi especial para a Universidade de Vigo”, xa que “aglutina nese momento de exhibición todo o talento que existe na facultade e, en concreto, neste mestrado”. De aí que incidise en que Debut é “un momento de escaparate para nós”, tanto á hora de proxectar o talento do alumnado, servindo como “unha plataforma de lanzamento profesional moi frutífera”, como para pór o foco na creatividade e no “protagonismo deste tipo de títulos dentro do que pensamos que será o futuro Campus Crea”.

Nesta presentación participou tamén o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, quen puxo de relevo que “para o Concello de Pontevedra é un orgullo contar con este campus cheo de creatividade, que é quen de canalizala a través de proxectos tan interesantes como esta pasarela”, que é tamén, subliñou, “unha maneira de amosar Pontevedra no mundo”, xa que é un evento con “repercusión internacional”, que “medra cada día”.

Dopico, pola súa banda, puxo de relevo en que Debut “non sería posible sen o apoio sostido e decidido” de Universidade e Concello, así como a implicación de diferentes socios e a colaboración tanto dos preto 70 mozos e mozas que exercerán como modelos, como do actual alumnado tanto do mestrado como do Grao en Deseño.

Programado par as 20.00 horas, Debut contará nesta edición cunha entrada de 5 euros, que pode adquirirse xa a través da rede. 

Máis aló do desfile

A programación de Debut complétase así mesmo cos tres workshops que se desenvolverán ao longo da vindeira semana, nunha edición na que, como explicou Dopico, apostouse por actividades formativas de maior duración, promovidas grazas a unha “aposta importantísima” de Artesanía de Galicia. Esta programación arranca o vindeiro luns co inicio dun taller de deseño dun bolso saddle bag con pel, impartido por Ezequiel Franchi Gil, de Raíces Nómadas Atelier. Ao día seguinte dará comezo o taller sobre complementos cerámicos, impartido pola responsable de Ojea Studio, Paula Ojea, recoñecida en 2019 co Premio Nacional de Artesanía na categoría de produto.

Este programa formativo complétase cun curso virtual sobre o uso da plataforma global de análise de tendencias e previsión de moda e deseño WGSN (World´s Global Style Network), así como polas xornadas de recursos humanos de Debut. Estas desenvolveranse na mañá do propio venres 24 no Pazo da Cultura, onde os novos titulados e tituladas manterán unha serie de entrevistas con responsables de persoal de empresas como Inditex, Adolfo Domínguez, Parfois ou Purificación García.