A innovación no tríatlon, primeira pílula sportech do laboratorio do deporte Pontevedra Lab 

18

Os días 15, 22 e 29 de novembro, Pontevedra volverá converterse na cidade laboratorio do deporte grazas ás pílulas sportech. A primeira está adicada ao tríatlon.

Son tres eventos híbridos sobre a innovación no deporte. 

Pontevedra, primeira cidade laboratorio de innovación do deporte no país, acolle este mércores a primeira das pílulas sportech sobre innovación e a investigación na industria do deporte que se celebrarán no mes de novembro. Esta iniciativa segue a senda da aposta do Concello de Pontevedra polo deporte na cidade do Lérez tal e como explicou esta mañá o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, na presentación deste novo evento.

 As pílulas Sportech sobre innovación no deporte de Pontevedra LAB, celebraranse os días 15, 22 e 29 de novembro, ás 12:00 h. aberto a todo o público, nun evento híbrido, que se poderá seguir de maneira presencial na Facultade de Ciencias da Educación do Deporte da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra, e enliña a través da canle de Youtube de Galicia Sportech.

A deste mércores, 15 de novembro, tócalle a pílula “Innovación no Triatlon”, onde se falará sobre o devandito deporte e a súa relación coa innovación e a tecnoloxía, tratando as formas de adestramento, evolución, competicións, etc.

Para desenvolver o programa, contarase co punto de vista da Federación Galega de Tríatlon e de deportistas do éxito de Pablo Dapena e Cristian Fernández, quen participará no evento de forma presencial.

Outro punto importante do día será a organización dunha competición de Tríatlon, para o cal se contará de forma online con Antonio Arimany (secretario xeral da Federación internacional de tríatlon – World Triathlon) da prestixiosa competición World Triathlon Championship Series, disputada o pasado setembro na cidade.

Tamén estará presente de maneira online Antón Ruanova da startup Train2go, quen falará sobre as ferramentas no campo sportech.