Pontevedra, de novo sede dunha serie de ficción de proxección internacional da man de José Manuel Lorenzo

16

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías recibiron esta mañá ao responsable da produtora DLO, José Manuel Lorenzo, do que coñeceu de primeira man que Pontevedra será, de novo, o escenario dunha nova serie que se emitirá en 120 países. 

O alcalde explicou que a produtora xa está en contacto co departamento da Film Commission do Concello de Pontevedra para facilitar o seu traballo na cidade entre os meses de xaneiro e marzo de 2024 (gravarán na cidade durante 7 semanas), pero a produción vai máis aló e amosará o encanto das Rías Baixas.

José Manuel Lorenzo, propietario da produtora, explicou que se trata dun thriller actual que se desenvolverá na cidade. Estará protagonizado por seis personaxes, dos cales un será interpretado por unha actriz de renome internacional. Polo de agora, debido as obrigas contractuais, non puido desvelar moitos máis datos da gravación e emprazou á cidade a unha futura convocatoria na que se presentará a serie, pero garantiu que aparecerá Pontevedra no seu esplendor e beleza.