A Asociación Gaiteiros ‘Os de Algures’ achega este sábado 11 ao Principal o seu espectáculo músico-teatral ‘Cando saín de Cuba’

27


Terá lugar ás 20.30horas con entrada libre ata completar cabida

Esta proposta é a continuación da peza ‘De Pontevedra a Habana’ presentada o ano pasado

Preto de 90 persoas está implicadas neste proxecto no que participan aproximadamente 10 agrupacións locais de disciplinas como o teatro, a danza, a música, etc.

Como vén sendo habitual, contará cunha escenografía espectacular acompañada por un vistoso vestiario que xa son característicos das producións desta agrupación.


Os de Algures regresan ao Teatro Principal cunha nova e espectacular proposta multidisciplinar que continúa a trama da peza presentada o pasado ano. En ‘Cando saín de Cuba’, Os de Algures – e as máis de 80 persoas que pasarán polo escenario – van de Cuba a Nova York.

Con este espectáculo músico- teatral “pretendemos homenaxear a figura dos homes e das mulleres que fixeron as súas vida na emigración e deixaron a súa pegada nas artes escénicas, musicais e líricas. E tamén unha boa oportunidade para facer un recoñecemento a Pondal e Pascual Veiga, Curros Enríquez e José Castro  e lembrar tamén a Xosé Fontenla Leal como promotores e creadores do Himno que hoxe nos representa a todos’. Queremos que todos os que, na actualidade, descoñecen a trascendencia do seu traballo, entendan a importancia do legado que nos deixaron estes ilustres galegos”, apuntan desde a asociación.

Nunha peza dividida en 4 actos, cun breve descanso na metade, pasarán polo escenario para representar esta viaxe 12 músicos da Asociación Gaiteiros ‘Os de Algures’, 30 coristas do Coro Vinderel do IES Xunqueira 1 de Pontevedra, os músicos da orquestra cubana ‘Rompiendo la rutina’, bailaríns da  Asociación de danza e teatro ‘Cafuné’, 6 bailaríns da escola de danza ‘Pontebaile’, actores e actrices do grupo de ‘Teatro Argallada e ‘Tarabelo’’, 16 figurantes dos grupos de ‘Teatro Cafuné’, ‘Galidanza’ e ‘Tremoioas de Algures’. A producción conta tamén co preto de 10 persoas  que forman parte da equipa de técnica, iluminación, audiovisuais, atrezzo e montaxe escenográfico.

Os de Algures, destacan a “aposta polas entidades e o talento local, xa que todo o mundo é de Pontevedra e tamén a inversión que facemos na parte da escenografía e vestiario que non queremos desvelar e que son espectaculares.”

Apuntan tamén que todo o mundo é benvido ao espectáculo pero que “os maiores de Pontevedra, gozarán especialmente ao ser coñecedores de todo o repertorio con pezas como  ‘Dos gardenias’, ‘El manisero’, ‘Guantanamera’, ‘Quizás’, ‘Vivir lo nuestro’ etc. entre moitas outras” e fan un convite especial as agrupacións corais da cidade xa que “coñecen e son entusiastas deste tipo de música que formou parte das súas vidas”.

O acceso ao espectáculo, que terá lugar este sábado 11 ás 20.30h. no Principal, será de balde ata completar cabida.