O alcalde presenta un borrador dos orzamentos para 2024 que chega até os 91,2 millóns de euros 

48
Trátanse dun incremento de 5,3 millóns respecto ao do ano 2022, mantendo a capacidade de investimento do Concello e sen repercutir nas economías familiares malia a inflación acontecida na economía global ao longo dos últimos dous anos 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu en rolda de prensa este venres, 27 de outubro, para dar conta dos traballos realizados polos servizos de Economía e Facenda do Concello de Pontevedra, á hora de elaborar e ofrecer un borrador dos orzamentos para o ano 2024.

«Decidiuse declarar prioritarios os orzamentos do 2024 pois consideramos que debemos aprobalos en tempo en forma», explicou o rexedor. «Entre o ano 2022 e até agora producíronse moitas variacións que fixeron que a aprobación dos orzamentos sexa un asunto perentorio. Quero agradecerlle ao concelleiro e aos traballadores do nomeado servizo que teñamos hoxe este borrador, un borrador moi avanzado pero que non está pechado, obviamente».

Lores sinalou que «noutras circunstancias» non sería preciso aprobar un novo orzamento, mais as variacións «brutais» que se produciron na situación económica global, semella «imprescindíbel facelo». 

Os orzamentos do 2024 contan cunha serie de características concretas, como a de ser uns orzamentos «feitos para adaptarse á inflación que en dous anos anda ao redor do 13 %». «Falamos da suba de prezos xeralizada, os xuros, a enerxía, os custes dos créditos…». 

Deste xeito, os capítulos que máis soben de contía son os capítulos I e II, relacionados co gasto de persoal e o gasto corrente, «mais o Concello manterá a súa capacidade de investimento, entre outras cousas porque é imprescindíbel e necesaria para complementar a execución dos fondos europeos que teñen que ter consignada unha aportación municipal». Doutra banda, Lores indicou que ten por obxectivo que a situación de suba de prezos, no que atinxe ao Concello, non repercuta nas economías familiares, polo que seguirán conxeladas as taxas e os impostos por un ano máis.

A continuación, é posíbel consultar a táboa comparativa entre os orzamentos do ano 2022 e o ano 2024 a través dos seus distintos capítulos:


20242022
CAPÍTULO I (GASTO PERSOAL)28,3 millóns de euros (+10%)25,7 millóns de euros
CAPÍTULO II (GASTO CORRENTE)45,8 millóns de euros (+6%)43,2 millóns de euros
CAPÍTULO III (GASTOS FINANCEIROS)404 mil euros (+293%)138,6 mil euros
CAPÍTULO IV (TRANSFERENCIAS CORRENTES)
3,48 millóns de euros (+1%)

3,45 millóns de euros
CAPÍTULO V (FONDO DE CONTINXENCIA41,4 mil euros41,4 mil euros
CAPITULO VI + VII (INVESTIMENTOS REAIS + TRANSFERENCIAS DE CAPITAL)
12,1 millóns de euros

12,26 millóns de euros
CAPÍTULO VIII (ACTIVOS FINANCEIROS)187 mil euros187 mil euros
CAPÍTULO IX (PASIVOS FINANCEIROS)908 mil euros (+12%)808,6 mil euros
Total91, 2 millones de euros85,9 millóns de euros