O Concello reuniu este mércores catro mesas de contratación que suman 12,4 millóns de euros en investimento 

48
O edil de Economía e Facenda, Raimundo González, deu conta da adxudicación do alumeado de Festas, así como da apertura de pregos para os contratos  do proxecto de urbanización da Santiña a adquisición de módulos para os centros de compostaxe e o alumeado público 

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, ofreceu este mércores unha comparecencia pública para dar conta das catro mesas de contratación celebradas esta mesma mañá e que suman un investimento total de 12,4 millóns de euros.

A primeira delas foi ao alumeado das festas —Nadal, Entroido e Verán—, sendo a empresa Electromiño a proposta para a súa adxudicación por preto de 140.000 euros. A compañía de Tui A incrementará a decoración do Nadal prevista nos pregos, engadindo a maiores oito arcos e dez motivos en farois, amais doutra árbore de dez metros de altura e unha bóla tridimensional.

A mesma empresa da provincia de Pontevedra será a responsábel da iluminación do Entroido do vindeiro ano, cunha oferta próxima aos 20.000 euros, e na que se inclúe alén do indicado nos pregos dez arcos e vintecinco motivos en farois.

No referido ás Festas da Peregrina do vindeiro verán, foi proposta a empresa Distribución Dalisa, de Ponteareas, por un importe de 37.500 euros, que ofertará a maiores vinte arcos e vintecinco motivos en farois.

O seguinte paso dentro do proceso de contratación será levar á Xunta de Goberno deste venres, 27 de outubro, as propostas de adxudicación para requirir a documentación necesaria e logo asinar de xeito definitivo o contrato.

Doutra banda, abríronse as plicas do proxecto de urbanización da Santiña, que inclúe a renovación de servizos soterrados, presentándose seis empresas: Civis, E. C. Casas, Covsa, Moncosa, Oreco e Prace. Esta obra está orzamentada en 2.159.850 euros. «Agora o plan de traballo e demais irá aos técnicos que analizarán e emitirán o informe correspondente».

A terceira mesa de contratación reuniuse para tratar a adquisición de módulos para os centros de compostaxe comunitaria. «Están feitas as bases en distintos puntos da cidade, pero por certos motivos non se puideron colocar os módulos porque renunciara a empresa adxudicataria», lembrou o edil. O contrato foi sacado de novo a concurso e presentáronse dúas empresas: Alquienvas e Vermican. O importe deste contrato é de 67.760 euros.

Por último, durante a cuarta mesa de contratación foron abertas as plicas do alumeado público —contrato que inclúe as dependencias municipais, o Pazo da Cultura, os colexios ou o alumeado da cidade, en xeral—. Até catro empresas presentaron as súas ofertas: Gas Natural, Iberdrola, Total Energy e The Yellow Energy. «É un dos maiores contratos do Concello, xa que por un período de dous anos sae a licitación por un importe de 9.969.269,17 euros; case dez millóns de euros, cinco anuais», explicou González.