A primeira fase de reforma da PO-546 finalizará en dúas semanas 

16
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co edil de Infraestruturas, César Mosquera, visitou as derradeiras actuacións do primeiro tramo reformado da rúa Avelino Montero Ríos
A zona viu ampliada as súas beirarrúas, conta con novo alumeado e viu renovados todos os servizos soterrados; ademais, os tres pasos de peóns do lugar pasarán a ser elevados 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co edil de Infraestruturas, César Mosquera, visitou esta mañá as obras da primeira fase de reforma integral da PO-546 ao seu paso por Estribela.

Acompañados polo delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, alcalde e concelleiro comprobaron os avances dunha obra que rematará, segundo o sinalado pola Xunta, en apenas dúas semanas máis de traballos. A primeira fase da actuación de reforma mudou o aspecto duns 500 metros da rúa Avelino Montero Ríos, contando desde a redonda de acceso ao porto.

A maiores da ampliación das beirarrúas, mudouse o alumeado, foron renovados todos os servizos soterrados da zona, e está contemplado que os tres pasos de peóns deste tramo pasen a ser pasos de peóns elevados. Tamén foron instaladas xa novas marquesiñas de autobús e resta por colocar o distinto mobiliario urbano novo da zona e o asfaltado da calzada.

O rexedor pontevedrés lembrou que esta sempre foi unha obra demandada polos veciños e veciñas da zona, así como polo Concello ao ser evidentes os problemas de seguridade viaria na zona, xunto cos problemas de accesibilidade presentes neste trazado. «Chegamos hai un pouco a un compromiso para a recepción desta estrada logo da reforma que se está e que se levará a cabo», indicou. «Está claro que esta actuación é un antes e un despois na zona, en comparación ao que había anteriormente».

Nas vindeiras semanas continuarase coa reforma da PO-546 nun novo tramo, o que une a zona xa reformada co linde marinense. Unha vez finalice esa actuación, quedarán por ser reformados dous tramos no Concello de Marín. Ademais, cóntase con adxudicarse a actuación prevista nos 6,6 quilómetros entre Mollavao e Os Praceres no segundo trimestre do vindeiro ano.