O Concello sinala que os orzamentos previstos pola Xunta para Pontevedra son «decepcionantes», «desesperanzados» e «sen ningunha perspectiva ou vontade de futuro» 

27
O edil de Infraestruturas, César Mosquera, subliñou a ausencia nas contías ofrecidas pola Xunta de proxectos tan necesarios como a variante de Alba ou a rehabilitación de Santa Clara  

O edil de Infraestruturas, César Mosquera, compareceu este sábado en rolda de prensa para realizar unha valoración dos orzamentos previsto pola Xunta de Galicia para o ano 2024, en relación coa cidade de Pontevedra.

«Coido que a ningúen se lle escapa, nunha simple ollada, que presentan unhas cantidades para pagar proxectos que van atrasados», sinalou. «Non hai absolutamente nada máis. Os orzamentos poden ser unha mostra de vontade, aínda que sexa aproximada, e nestes orzamentos non hai absolutamente ningunha vontade de acometer certas cuestións de futuro».

A este respecto, o concelleiro puxo de exemplo a creación da variante de Alba, a rehabilitación de Santa Clara ou o dragado da ría. Mosquera reafirmou que a Xunta só tenta «pagar as obras que están en marcha ou que están a piques de iniciarse, e todas elas en dependencias da Xunta coma o instituto Valle-Inclán, Montecelo ou o que sexa».

Seguindo coa valoración, o edil comentou que os orzamentos «son francamente decepcionantes» e lembrou que «non lle doen prendas á hora de dicir que uns orzamentos son esperanzandores, mais neste caso son bastante desesperanzadores á hora de imaxinar as perspectivas de futuro e tamén á hora de facer unhas actuacións en Pontevedra que son absolutamente necesarias».

Mosquera quixo subliñar a ausencia de dúas actuacións en concreto: a variante de Alba e a rehabilitación de Santa Clara.

No caso da primeira, o edil lembrou que a variante de Alba chegou a figurar nos orzamentos do ano pasado, deixando aberta a posibilidade de acometela «aínda que sabiamos que non había moita vontade». «O certo é que nestes intres é ou será máis necesaria que nunca, pois van comezar as obras de remodelación do nó de bombeiros, o que sobrecargará a parte norte da cidade e haberá que desviar fluxos».

A realidade é que a día de hoxe non existe ningún cruce que conecte a estrada de Vilagarcía (PO-531) e a estrada de Santiago (N-550) desde a rúa Domingo Fontán até Barro. «Si, existe San Caetano, que é un bo sitio para que estampen os camións e que ten un trazado moi deficiente para unha circulación segura e cómoda».

Doutra banda, e xa atendendo a ausencia de Santa Clara nos orzamentos previstos pola Xunta de Galiza, o concelleiro pontevedrés lembrou que «nesta mesma sala comentei as actuacións concadeadas, con declaracións estrañas sobre vandalización ou sobre cambios de proxectos eran unha simple escusa para atrasar e paralizar o proxecto».

O edil ten claro que hai dous feitos moi claros: o día 15 rematou o prazo para solicitar as axudas do 2 % cultural que «non se pediron» e que Santa Clara non aparece nos orzamentos autonómicos. «Branco e en botella. Hai unha decisión de paralizar o proxecto porque lles parecerá moi caro ou demasiado investimento para Pontevedra por parte da Xunta ou da Deputación e así queda reflectido», indicou. «Que problema habería en amosar nos orzamentos aínda que fose a vontade de facelo, de incluír Santa Clara? 100.000 ou 200.000 euros para comezar. Nin se puxo».