Lores e Rueda manteñen unha reunión «positiva» na que a Xunta se compromete a estudar a creación da variante de Alba, dar pasos adiantena ampliación do Campiño ou recuperar a xunqueira da Gándara 

45
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantiveron unha xuntanza este luns para achegar ideas e formalizar distintas peticións da Boa Vila de cara ao futuro da mesma 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo nesta tarde de luns, 23 de outubro un encontro co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Na reunión tamén estiveron presentes o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

O rexedor compareceu a continuación da mesma para dar conta dos asuntos tratados, sinalando que aínda sendo unha conversa longa, na que se falou «de moitas cousas», quedou cunha impresión xeral de ser unha reunión agradábel e moi institucional.

Dentro dos asuntos debatidos figurou a variante de Alba, sendo retomado o seu estudo. «Imos darlle unha volta entre todos e todas, e os técnicos municipais e autonómicos traballarán para ver como podemos facer. É algo positivo, pois non se pecha definitivamente o tema. Nós sempre argumentamos que esta é unha vía imprescindíbel e cremos que temos a obriga de chegar a un acordo».

Doutra banda, a ampliación do polígono do Campiño podería converterse nunha realidade. Segundo o comentado polo rexedor pontevedrés, o presidente da Xunta comprometeuse a estudar o desenvolvemento do plan sectorial de áreas empresariais de Galiza, acordado no 2014, «entendendo que levará o seu tempo e que por mor das parcelas que quedan, que son poucas, deberá xa iniciarse a súa tramitación».

No referido á Xunqueira da Gándara, «estamos filosoficamente de acordo, e vemos que é un espazo natural ocupado por concesións rematadas e hai un ánimo por parte da Xunta para trasladar as dependencias que alí están», indicou Lores. O alcalde sinalou que durante a reunión trasladoúselle a idea de que a Xunta derribará as instalacións e recuperará os terreos, dun xeito semellante a como a Deputación de Pontevedra vén de facer coas antigas localizacións que ocupaba.

Noutro eido, chegouse a un acordo para que a coñecida como estrada vella de Marín, a PO-546, pase a ser de titularidade municipal unha vez remate o proxecto de urbanización e humanización que a consellería está a facer na mesma. Do mesmo xeito, pasarán a ser de dominio local os trazados que van de San Amaro até a redonda de acceso a Montecelo; así como desde a avenida de Médico Ballina até ben o convento de San Bieito, ben o colexio de Lérez —está por determinar—.

O futuro novo hospital de Montecelo tamén foi un dos asuntos tratados durante a xuntanza, se ben a Xunta non mudará os seus plans para executar o aparcadoiro que albisca o proxecto presentado, desbotando a idea do Concello de facelo en superficie. Rueda confirmou que a obra para a creación da cafetería e do aparcadoiro será realizada pola Xunta e logo sacarán a concurso a concesión de ambos os dous espazos.

Así mesmo, sobre a transferencia da UAD, o presidente da Xunta comentou que a medida que se vaian xubilando os funcionarios do Concello que actualmente traballan neste lugar, serán substituídos por membros do Sergas. «No momento en que se poida, a UAD pasará a ocupar un espazo dentro do complexo hospitalario», indicou o rexedor.

Cómpre sinalar que o presidente de Xunta amosou o compromiso de realizar algún investimento no referido a instalacións deportivas, chegando mesmo ao 50 % do custo do proxecto. Lores puxo de exemplo posíbel neste eido a construción do pavillón de Monte Porreiro

Por último, o alcalde da Boa Vila subliñou dous temas máis: o dragado da ría, que segundo o comentado polo presidente depende do si ou do non do Ministerio de Fomento á hora de verter os lodos na localización estudada e que se «o Estado dá resposta positiva din que o farían inmediatamente, que teñen seis millóns de euros para executar»; e a rehabilitación de Santa Clara, da que, de novo, Rueda sinalou que «a Xunta non se quedará fóra», mais que están á espera do que queira facer a Deputación.