O alcalde de Pontevedra preside en Valladolid o X Congreso das Cidades que Camiñan 

14
O rexedor da Boa Vila lembra que os obxectivos desta rede internacional «transcenden ás formacións políticas» e buscan «mellorar a calidade de vida das persoas» 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participa desde esta mañá de xoves, 19 de outubro, no X Congreso de Cidades que Camiñan que se está a celebrar na cidade de Valladolid. O rexedor pontevedrés é o actual presidente da Rede Cidades que Camiñan, unha asociación internacional sen ánimo de lucro, aberta a concellos e outras administracións públicas comprometidas coa camiñabilidade. O seu obxectivo principal é que os viandantes sexan máximos protagonistas da mobilidade urbana e do espazo público.

Fernández Lores participou na inauguración da cita, agradecéndolle á cidade de Valladolid a súa acollida, lembrando que os obxectivos das Cidades que Camiñan transcenden as formacións políticas —Valladolid mudou o seu Goberno Local tralas últimas eleccións municipais—, apostando polas persoas e por mellorar a súa calidade de vida.

O rexedor da Boa Vila destacou o bo ambiente que se viviu ao longo de toda a mañá e valorou máis que positivamente as primeiras conferencias, que foron «interesantes e didácticas». Alberto Gutiérrez Alberca, concelleiro de Mobilidade, foi o representante do Concello de Valladolid en darlles á benvida aos distintos representantes do colectivo.