Concello e Xunta reúnense co fin de darlle solución as problemáticas xurdidas durante a construción do vial de acceso ao novo hospital 

35
O edil de Infraestruturas, César Mosquera, sinalou que a Xunta «será a responsábel de tramitar o proxecto de facer as expropiacións que se consideren», lembrando que as suxestións aportadas polo Concello no seu día ao proxecto inicial «terían resolto todo»
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xuntaranse
o luns para ver as últimas novidades ao respecto do futuro estacionamento a construír na zona 

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, mantivo este xoves unha reunión convocada pola Xunta de Galiza da man da Axencia Galega de Infraestruturas, que xestiona a construción do novo hospital de Montecelo, co fin de tratar diversos asuntos en relación con este, como a creación do vial perimetral e a expropiación dos terreos necesarios para tal operación, ou o futuro estacionamento que terá que ser creado no lugar.

Segundo o indicado polo edil, a Xunta amosou a súa vontade de facer un proxecto que resolva os problemas «que sexa razoábel resolver», a través dun proceso de expurgación dos documentos que agora deberá entregar a veciñanza. «A Xunta será a responsábel de tramitar o proxecto e de facer as novas expropiacións que se consideren», explicou. «Quen o pague é unha cuestión menor. Falamos de cantidades menores e, certamente, nin tan sequera se entrou a falar diso». 

Alén deste asunto, Mosquera sinalou que «unha cuestión que quedou clara é que a suxestións para o trazado e para as expropiacións de tres metros máis do aprobado era correcta, e de tela aceptado hoxe, probablemente, non estaríamos falando de nada disto». «Ten que quedar claro de quen foi a responsabilidade de seguir adiante co proxecto inicial. Coido que aquela suxestión tería resolto todo, pero aínda hoxe non sabemos con exactitude a magnitude do problema por mor das distintas versións. Haberá que estudalo, expurgar e ver como queda ao final. O espírito e tentar resolvelo».

Con respecto á acometida da rede eléctrica o Concello aprobará na vindeira modificación de crédito unha achega de 1.160.000 euros para poder mellorar a liña de media tensión do futuro hospital. «Cumprimos coas nosas obrigas e ofrecemos a máxima colaboración, como fixemos coa subministración de auga, de pluviais ou de saneamento», lembrou o edil. 

No referido á solución do estacionamento e a integración paisaxística do mesmo en Montecelo, no propio proxecto se advirte que a nomeada integración é «deficiente e bastante mellorábel». «A nosa proposta é xa coñecida, mais tamén lembramos que a actual será custosísima, e traerá uns prezos disparatados para os usuarios para que sexa viábel», indicou. «O que nos remitiron neste caso é que vai haber novidades, pero serán faladas o alcalde e o presidente o vindeiro luns. Non quixeron falar máis, polo que deducimos que haberá algún tipo de proposta híbrida, entre a construción dese gran edificio aparcadoiro e o uso dos terreos para un estacionamento en superficie».