O Concello inicia a contratación do estudo xeotécnico para o proxecto de destape do río Gafos 

37
O edil César Mosquera lembrou que esta análise é obrigatoria á hora de realizar calquera tipo de intervención tal e como aparece recollido na Lei de Contratos 

O presidente da comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos; César Mosquera, compareceu en rolda de prensa para dar conta da nomeada comisión celebrada durante a mañá deste martes. 

Dentro dos asuntos tratados dentro da orde do día situouse a nova ordenanza do taxi —ou ordenanza para o Coche do Punto— que irá ao vindeiro pleno para a súa aprobación definitiva. Fóra da orde do día, foi ditaminada por unanimidade unha moción relacionada cos parques infantís, xunto cunha moción de alcaldía en relación co pacto de Pedre; ambas as dúas serán incluídas no seguinte pleno ordinario.

Porén, e xa fóra do tratado na comisión, o concelleiro aproveitou a comparecencia para poñer o foco noutro asunto e confirmou o inicio da contratación do estudo xeolóxico, hidroxeolóxico e estrutural para a demolición de estrutura do río Gafos no treito treito comprendido entre a rúa Alcalde Hevia e a rúa Xeneral Antero Rubín. Contará cun orzamento próximo aos 14.900 euros.

«Xa comentamos hai algúns días que precisabamos facer un estudo xeotécnico, de composición de terreos, resistencias e demais para saber exactamente como está este treito do río e saber onde e como se pode actuar», indicou Mosquera. «Está xa para pasar a contratación, coido que nun tempo récord. Agardo que poidamos facelo canto antes».

Doutra banda, o edil quixo facer unha serie de comentarios ao redor deste tema, lembrando a Lei de Contratos, máis concretamente o artigo 233, onde aparece indicado que no contido dos proxectos e na responsabilidade derivada da súa elaboración «deberá incluírse un estudo xeotécnico dos terreos sobre o que se vai executar». «Coido que non hai ningunha dúbida. Non se pode tramitar ningún contrato sen isto, é imposíbel. Se chega a Contratación ou a Intervención sen el sería devolto. É obrigatorio», explicou o edil. «É máis, cando se encarga o estudo de viabilidade xeométrica no 2019, na oferta di de xeito textual que o proxecto básico deberá apoiarse en informes topográficos, xeotécnicos e estudos de impacto ambiental e patoloxías».