Comeza a reparación da pasarela do Gafos baixo a avenida da Estación para continuar a senda até Josefina Arruti 

98

A tenente de alcalde Eva Vilaverde e o concelleiro de sostemento de espazos públicos, Xaquín Moreda achegáronse a ver o inicio da reparación, que durará uns días.

Unha parte da pasarela, incluída no proxecto de reforma da estación de autobuses, queimouse mentres se estaba finalizando a obra. 

A tenente de alcalde, Eva Vilaverde e o concelleiro de sostemento de espazos públicos, Xaquín Moreda visitaron esta mañá os traballos de renovación e reconstrución da pasarela voada sobre o Gafos e baixo a ponte da avenida da Estación que permitirá conectar a senda urbana do Gafos coa avenida de Josefina Arruti.

A pasarela baixo a ponte da avenida da Estación, que continúa a senda do Gafos até Josefina Arruti, foi incluída dentro do proxecto de reforma da estación de autobuses e a súa contorna. A renaturalización do Gafos neste punto da avenida viuse afectada por un incendio causado por un indixente que durmía no lugar, mentres se realizaban as obras de mellora da estación. Unha vez recibida a contorna da estación de autobuses, o Concello tramitou a urxente reparación desta pasarela que se pechou ao tránsito de peóns por ser perigosa.

O incendio afectou ás táboas, vigas e ao taboleiro da pasarela que foi retirada na súa integridade esta mañá e comezou a ser substituído por material novo. A obra poderá estar rematada en dous ou tres días.

O concelleiro de Xaquín Moreda explicou que esta primeira intervención urxente no Gafos “estaba prevista dentro do plan de recuperación das sendas do paseo do Gafos. A esta zona, como dixo o alcalde, queremos devolverlle o esplendor que tivo xa que é moi utilizada por moita xente e poucas cidades teñen a sorte de ter un espazo natural coma este no centro da cidade”.

Xaquín Moreda adiantou que a seguinte intervención de calado será a substitución da senda do xabre no tramo urbano entre a avenida da Estación e a avenida de Vigo, que poderá comezar nas vindeiras semanas.