O Concello de Pontevedra e o Clúster Galego do Deporte estreitan lazos e procuran vías de colaboración na promoción e fomento da actividade física 

    4
    A agrupación de empresas contará co apoio da Boa Vila á hora de levar o seu ‘Plan Dous MIllóns’ até a Xunta de Galiza, un proxecto que se pon como reto chegar no ano 2030 aos 2.000.000 de practicantes de deporte no territorio galego 

    O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo esta mañá unha xuntanza con representantes do Clúster Galego da Industria do Deporte e do Benestar. Trátase dun dos colectivos deste tipo que máis crecemento experimentou nos últimos tempos, pasando de preto de 40 empresas no seu nacemento, hai dous anos, a máis de 80 na actualidade.

    Trátase dunha agrupación que quere poñer en común toda o que vén a ser actividade deportiva, a saúde, o tempo libre e a idea do deporte para todos e todas. «Queren ser unha voz autorizada para falar no nome de diferentes empresas, ser un axente representativo da industria deportiva galega, e funcionar como interlocutores válidos con todas as administracións», indica o rexedor.

    Dentro dos seus proxectos destaca o ‘Plan Dous Millóns’, un reto colectivo para Galiza no que se fixan pasar dos 1.238.987 actuais practicantes de actividade física no 2023 aos 2.000.000 de practicantes no ano 2030. «Teñen posto en marcha un observatorio do Deporte que nos parece moi interesante, polo que quedamos de estudar todas as vías de colaboración con eles», indicou Lores. 

    Desde o Concello de Pontevedra apoiarase este Plan a través dun protocolo co fin de empurrar esta iniciativa até a Xunta de Galiza, co obxectivo de fomentar e promover a actividade física en todo o país. 

    «Non se lle escapa a ninguén a cantidade de beneficios que aporta ás nosas vidas o deporte, polo que sempre estaremos apoiando e promovendo iniciativas desde tipo», explica o alcalde. «É sabido o impacto económico, social e de saúde que o deporte deixa nesta cidade, máis aínda cando temos unha cidade pensada para as persoas, algo que favorece na súa totalidade a práctica deportiva a todos os niveis».