O Concello impulsa a transferencia da Unidade Asistencial de Drogodependencias á Xunta de Galiza 

53
A edil de Benestar Social, Anabel Gulías, sinalou que  na actualidade a UAD funciona «como un centro sanitario», carecendo de sentido que un «centro clínico dependa dun Concello»
Foi remitida unha comunicación á Xunta de Galiza co fin de convocar unha comisión de seguimento xunto coa FEGAMP para continuar traballando na transferencia do servizo 

A edil de Benestar Social, Anabel Gulías, compareceu esta mañá de xoves en rolda de prensa co obxectivo de ofrecer e contextualizar o posicionamento do Concello de Pontevedra á hora de planificar o futuro da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD), coa intención de impulsar a súa transferencia á Xunta de Galiza.

Tal é como explicou na súa intervención, cómpre repasar polo miúdo os últimos datos sobre a UAD e o seu funcionamento. Trátase dun servizo que se vén prestando desde o ano 1991, «durante os anos máis escuros de Galiza ao respecto das drogadiccións», e que naceu como unha resposta a esa demanda e alerta social que se vivía. 

Na actualidade, o servizo municipal ten un custe de 495.580,97 euros, dos que a Xunta de Galiza, o Sergas, cubre 397.294,65 euros, sendo o resto pagados con fondos municipais. Do total deste financiamento, 464.814,66 euros correspóndense co gasto de persoal, de sete traballadores e traballadoras. 

«Este persoal ten un perfil diferente ao que acostuma contratar un Concello: falamos de médicos, psiquiatras, enfermeiros… un claro perfil médico», sinalou Gulías. «Ademais do aporte económico xa comentado, o Concello tamén asume os gastos de mantemento, de limpeza, de subministracións, de luz e demais servizos».

A edil lembrou que a UAD pontevedresa atende a doentes de Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Marín, Poio, Soutomaior ou Vilaboa, ademais dos do municipio do Lérez, o que «se asemella, tal e como se indica nos informes, ao funcionamento dun centro sanitario». Nese sentido, lembrou que a dependencia funcional da UAD é marcada polo Sergas, organismo que decide as ordes de traballo e do servizo, mesmo utilizando o seu sistema informático.

A UAD ofrece distintos tratamentos como a subministración de metadona e outros medicamentos, detección de drogas ou campañas de vacinación (mesmo da gripe), accións de claro perfil médico.  «Faise constantemente, e é un protocolo interno, derivacións sanitarias frecuentes», indicou Gulías. «A parte de todo isto, tamén se derivan tratamentos de alcolismo, VHB ou VIH».

«O que fai a UAD é funcionar coma un centro sanitario», sinalou a concelleira de Benestar Social. «Xa hai tempo que se puxo sobre a mesa de facer unha transferencia ao Sergas e á Xunta de Galiza deste tipo de unidades, xa que non ten sentido, nin é operativo nin é funcional que un centro sanitario dependa dun Concello».

Gulías explica que todo isto é unha cuestión de sentido común, lembrando que este asunto xera un consenso ao redor das administracións locais, tal e como de pode comprobar na Federación Galega de Municipios e Provincias, que vén traballando na posibilidade desta transferencia na procura dun mellor e máis eficaz funcionamento das unidades. 

Así, o 19 de decembro de 2022 prodúcese a constitución da comisión mixta na FEGAMP para encamiñar os primeiros pasos para facer realidade a nomeada transferencia. Esta comisión mixta establecía unha folla de ruta, na que se indicaba unha data límite para entregar distinta documentación e información, albiscando outros pasos seguintes como un borrador de custes, un borrador de acordo, etcétera.  A data límite foi o 31 de xaneiro do 2023. «O Concello remitiu a información tal e como se solicitaba dentro do prazo previsto, mais a situación está no mesmo punto de partida», explicou Gulías, que tamén solicitou unha xuntanza na FEGAMP para continuar con este proceso de seguimento; sen resposta, aparente, pola Xunta de Galiza. 

A principios desta semana, o Concello de Pontevedra remitiu tamén unha comunicación á Xunta de Galiza para ver se se pode seguir traballando na mellora deste servizo e facelo nas mellores condicións posíbeis. Así, Gulías lembra que o Concello de Pontevedra ofrecerá todas as facilidades posíbeis á hora de seguir este camiño.