Edugal amosará a oferta de formación galega no Recinto Feiral ao tempo que asesora ao alumnado que queira continuar aprendendo 

8
O salón de educación e formación de Galiza abrirá as súas portas o 4 de outubro e permanecerá aberto até o 6 de outubro, incluído
A edil Anabel Gulías sinala que funciona como unha cita na que poder informarse e escoller a formación que está por vir, abrindo «novos nichos de mercado, novas tendencias e novos estudos» 

A edil de Promoción económica, Anabel Gulías, presentou esta mañá a 12ª edición de Edugal, o Salón de Educación e Formación de Galicia, que se instalará no Recinto Feiral entre o 4 e o 6 de outubro, funcionando como un punto de encontro de estudantes, profesores, orientadores, pais e nais, responsables de centros educativos e profesionais da educación.

A concelleira estivo acompañada por Conchi Pereiro, membro do consello asesor de Aempe, lembrando que Edugal figura na axenda anual do servizo de Promoción económica como un «clásico que nos acompaña dunha función fundamental: tender unha ponte entre a xente que está procurando formación e estudos, para logo insertarse no mercado laboral». 

«É importante abrir novos nichos do mercado, explorar novas tendencias e ter un lugar físico onde buscar e atopar información», indicou Gulías. «Desde este punto de vista, o Recinto Feiral acollerá este e dará cabida a ducias de actividades e stands, conferencias, charlas e mesas redondas; ao tempo que obradoiros de distinta índole».

Conchi Pereiro explicou que Edugal pode ser un escaparate moi útil para todos os rapaces e rapazas que queiran seguir formándose e teñan certas dúbidas sobre que facer ou que escoller. «Hai moito alumnado que se atopa perdido nestes intres e este salón pretende asesorar e mostrar cal é a oferta educativa que ten Galicia».

Edugal contará este ano con 62 stands e agarda a visita de preto de 10.000 persoas ao longo dos tres días que durará o salón.