A Illa do Covo acollerá esta fin de semana o Gran Premio Cidade de Pontevedra de ciclocrós 

181
A proba figura como a segunda cita dentro do calendario da Copa de España, e serve de ensaio xeral para o Campionato de Europa Absoluto que a cidade acollerá no 2024 

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, presentou esta mañá a Gran Premio Cidade de Pontevedracb, xunto a Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; e Daniel Benavides, xefe do Servicio Provincial de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia. A proba é a segunda da súa clase dentro do calendario da Copa de España da especialidade de ciclocrós. 

A cita chega un ano máis coa ollada posta no horizonte, xa que a Boa Vila acollerá no 2024 o Campionato de Europa Absoluto de Ciclocrós. Na práctica, a cita desta fin de semana figura como un fermoso e competitivo ensaio de cara a esta proba, se ben o circuíto será un tanto diferente ao que os espectadores poderán ver o ano que vén, tal e como indicou o o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.

Así, Pontevedra agarda neste sábado a máis de 600 ciclistas que competirán nunha proba con forte carácter internacional, tal e como explicou a edil de Deportes, Anabel Gulías, ao explicar que virán participantes desde Bélxica, Inglaterra, Portugal ou Franza.

A competición dará comezo ás 09.00 horas do sábado cos juniors masculinos, para seguir despois ás 10.15 horas coa carreira júnior feminina, ás 12.00 horas a proba elite e sub-23 feminina e ás 13.15 horas a elite e sub-23 masculina. Unhas horas despois, pola tarde, seguirá a proba ás 15.30 horas coas probas cadetes, ás 16.15 horas cos ciclistas máster 30, 59 e 60 e ás 17.10 horas cos máster 40 masculino.

Na Illa do Covo xa pode verse a montaxe do circuíto, que contará con 3,4 quilómetros de lonxitude incluíndo taboleiros, un caracol, longas rectas para gozar coa velocidade e tamén zonas máis técnicas.