O Concello apoia as reivindicacións do Pacto de Pedre e engadea petición dun estudo para a creación dun vial alternativo á N-541 

30
O documento que se levará a pleno para a súa aprobación solicítalle á Xunta de Galicia e ao Goberno Central que analicen a posibilidade de construír unha autovía Pontevedra-Carballiño conectada con Lalín 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo unha reunión esta mañá de luns, 2 de outubro, cos distintos representantes do chamado Pacto de Pedre, unha reivindicación conxunta e pactada entre sete municipios das provincias de Ourense e Pontevedra, na procura dunha maior seguridade viaria na estrada N-541.

Á nomeada xuntanza asistiron o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres; o alcalde de Beariz, Manuel Prado; o concelleiro do Irixo, Juan Manuel Villanueva; o alcalde de Maside, José Manuel Iglesias; e o alcalde de Punxín, Manuel Vázquez Fernández. O alcalde de Carballiño disculpou a súa ausencia, mais figura entre os membros do pacto así como as súas reivindicacións.

«O Concello de Pontevedra asume o plantexamento inicial que presenta o Pacto de Pedre, e que responde á necesidade de mellora en todo o posíbel a estrada N-541 que vai de Pontevedra ao Carballiño», explicou o alcalde de Pontevedra. «É unha estrada cargada de tráfico, industrial tamén, que vai ir a máis, e a única alternativa que existe para vir do Carballiño até aquí é a nomeada estrada».

O rexedor da Boa Vila explicou que o Concello quixo incluír no documento que se levará a pleno un engadido que, ademais das posíbeis melloras da N-541 que se poidan realizar, procure vertebrar o interior da provincia de Pontevedra. Así, queda proposto un estudio a elaborar pola Xunta de Galiza e o Goberno Central co fin de ver a posibilidade de viais alternativos entre Carballiño e Pontevedra, tales como a construción dunha autovía que tamén teña unha conexión con Lalín «alá onde se considere convinte».

Tal e como sinalou Lores, o tramo Carballiño-Pontevedra debería ser asumido polo Goberno Central, namentres a conexión Lalín con esta hipotética autovía sería realizada pola Xunta de Galiza, tal e como se fixo noutros puntos do país, como o exemplo actual do vial que unirá Santiago de Compostela coa Estrada.

«A decisión que tomamos foi o de modificar este acordo plenario, engadindo este punto, algo que acordamos por unanimidade», finalizou Lores.