O alcalde parabeniza o traballo dos hostaleiros ao longo do verán e anímaos a traballar de xeito conxunto e corrixir certos desaxustes á hora de procurar a excelencia no espazo público 

27
A misiva foi remitida este mesmo venres desde a alcaldía do Concello, e busca manter a aposta colectiva por mellorar a calidade de vida de Pontevedra 

O alcalde, MIguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. Alén dos asuntos incluídos na orde do día, tales como licenzas urbanísticas e demais, o rexedor da Boa Vila quixo informar do envío dunha carta aos hostaleiros da cidade co fin de parabenizar o seu traballo ao longo dos últimos meses, mais lembrando tamén que cómpre corrixir algúns desaxustes á hora de seguir afondando na mellora da calidade de vida de Pontevedra.

«Os datos e a percepción avalan que este verán foi o mellor da historia de Pontevedra. A vitalidade mostrada pola nosa cidade durante toda esta tempada, coas rúas ateigadas de xente, tanto da cidade, como das proximidades e de visitantes e turistas, foi moi elevada e a impresión que levaron de Pontevedra foi, en xeral, moi positiva», indícase na misiva. 

«Temos que dicir que a cidade funciona moi ben, aínda que haxa que corrixir algúns desaxustes no funcionamento da mesma. Por iso mandamos unha carta a todos os hostaleiros con veladores da cidade nos que os felicitamos polo seu traballo durante o verán, ao mesmo tempo que lles lembramos que a normativa obriga a cada quen a manter limpo e en orde o espazo público de todos os pontevedreses e pontevedresas».

Fernández Lores explicou que está «convencido» en que colaborará «todo o mundo» nos asuntos que a carta sinala. «Non nos podemos durmir nos loureiros. Temos que avanzar aínda máis e mellor. O reto que temos todos por diante é mellorar aínda máis a nosa acción, coidar ao máximo todos e cada un dos detalles. En definitiva, buscar a excelencia. Polo que respecta ao Concello de Pontevedra, xa teño dado instrucións a todos os concelleiros e a todas as concelleiras do goberno, así como a todos os Servizos Municipais para que se coiden e corrixan ao máximo todos os aspectos que dependen do concello», comenta na mesma.

«Pídovos encarecidamente que coidedes con especial dedicación e agarimo aspectos como a limpeza do espazo ocupado polas terrazas, o respecto polos horarios, polo espazo libre para a circulación das persoas, pola cantidade de mesas asignada, pola prohibición de publicidade e, en xeral, calquera aspecto que axude a mellorar a imaxe do sector e da cidade, e a mellorar aínda máis a convivencia con outras actividades urbanas», indícase na carta.