O Salón do Libro chega ao cuarto de século en 2024, converténdose no evento en torno á LIX máis antigo do Estado

106


A XXV edición, que terá lugar do 1 ao 17 de marzo,  terá  ‘A maxia’ como tema central e homenaxeará aos centros escolares pola súa implicación e traballo ao logo destes 25 anos.

Cataluña será a cultura convidada, pola súa proximidade xeografica e para “traballar a idea de que as linguas son para comprendernos e que, falando cada un de nós en linguas diferentes, somos quen de entendernos, comprendernos e descubrir a beleza que hai na literatura”

Entre as novidades, que a organización dará a coñecer nos próximos meses, o concelleiro avanzou que a mascota Orbil vai pasar por mantemento


O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez presentaba esta mañá a XXV edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra acompañado da súa mascota: o lobo Orbil.

“Comezamos xa a traballar na vindeira edición do Salón, a número XXV, que terá lugar entre o 1 e o 17 de marzo de 2024. O equipo do Salón leva traballando todo o verán pero onte demos verdadeiramente o pistoletazo de saída porque tivemos a reunión cos centros de ensino de Pontevedra e contorna, que son os auténticos protagonistas deste Salón que este ano é especialmente importante: cumprimos 25 e o noso Salón pasa a ser o máis antigo de todo o Estado. Non existe ningunha outra actividade deste tipo en todo o estado, coa tradición que ten enriba o Salón do Libro. Había un en Cataluña pero coa pandemia desapareceu, así que pasámoslle por diante e xa somos tamén nisto un referente de Literatura Infantil e Xuvenil.

Entre o 1 e o 17 de marzo chega a edición 25, vén con moitas novidades. De entrada podo avanzar que Orbil, que xa ten una idade e é un pouco descoidado, agochado na súa cova lendo libros,  vai pasar por mantemento: ir ao salón de peiteado, arranxar as gadoupas, etc. Agardamos que veña rexuvenecido e cambiado, que falta lle fai ese tratamento logo de 25 anos con nós”.

Demetrio, acompañado por un animado Orbil con chistera e variña máxica, desvelou tamén que o tema que centrará a vindeira edición será ‘A Maxia’

Por outra banda, a cultura convidada será Cataluña porque “demos moitas voltas ata decicir, pero optamos por unha cultura que nos queda moi preto. Principalmente porque a temos cerca no espazo xeográfico, é fácil comunicarse con eles e encontrarnos, pero tamén, porque falando como falan, nunha lingua diferente do galego, é unha lingua moi achegada a nós e parecíanos moi importante traballarmos a idea de que as linguas son para comprenderse, son para falarse e que, falando cada un de nós en linguas diferentes, somos quen de entendernos, comprendernos e descubrir a beleza que hai na literatura. Como vén sendo habitual, isto suporá que ampliaremos a biblioteca do Salón con libros en catalán”

Xa para pechar a súa intervención, presentou a “última decisión pendente que xa está tomada. X atemos entidade homenaxeada para esta 25 edición. Tiña que ser unha homenaxe moi especial e facer iso en Pontevedra, que temos ata unha nominada ao Premio Nobel, Fina Casalderrey, era complicado. Pasaron polo Salón difererentes coordinadoras e coordinadores, centos de monitores, varios concelleiros/as, etc. pero só hai unha entidade que leva traballando a tope desde o primeiro día: as escolas de Pontevedra, os centros educativos. A todo ese montón de miles e miles de nanos e nenas, centos de profesores e profesoras, moreas de traballos que tanto fan gozar a Orbil, quixemos dedicarlle este ano o Salón e serán a entidade á que homenaxearemos.

Fixemos un traballo intenso no verán. Temos que agradecer aos equipos dos centros educativos que desde o primerio de setembro tiveron o  Salón como unha das súas prioridades e que onte na reunión vimos que estaban como sempre con moito ánimo de traballar. E a partir de aquí nós seguimos, que en 6 mesiños temos xa o Salón a tope en Pontevedra”