O alcalde recibe á líder da oposición, Ana Pontón, co fin de transmitirlle as diversas demandas que Pontevedra reclama a nivel autonómico 

29
Pontón ofreceulle os seus parabéns ao Goberno Local, sinalando que a cidade «é un referente para miles de galegos e galegas» e un «exemplo da capacidade de transformación en positivo» 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu esta mañá a portavoz do Bloque Nacionalista Galego e líder da oposición no Parlamento Galego, Ana Pontón. A visita institucional tivo como fin manter unha conversa entre as dúas partes, xesto que o Concello «agradeceu», seguindo as palabras do rexedor local, e na que se repasaron as diversas cuestións e demandas que Pontevedra ten con respecto á Xunta de Galiza.

«Temos distintas cuestións que nos preocupan e así llo transmitimos á lider da oposición», explicou o alcalde. «Unha delas é o destino do actual Hospital Provincial, que nos cremos que debería seguir mantendo un uso socio-sanitario indepentemente da ampliación de Montecelo, que será un hospital de agudos».

O Hospital Provincial, historicamente, sempre estivo destinado a usos sanitarios, mais existe na actualidade unha demanda real de ter un hospital de crónicos, tamén chamada residencia pública asistida, tal e como indicou Fernández Lores. «Hai xente que non precisa ocupar unha cama en Montecelo, mais si ten outras necesidades».

Outra das cuestións tratadas foi a construción da variante de Alba, «unha das actuacións na rede viaria periurbana máis reclamadas e necesarias de Pontevedra e a única que non está en execución logo da reunión da M4» e que o Partido Popular sempre ofrece a súa negativa á hora de executala. «Non hai ningunha escusa para non realizarla, maxime cando estivo incluída no plan de infraestruturas de Xunta do que foi retirada unilateralmente, sen argumento».

O alcalde pontevedrés explicou que é de interese para Pontevedra que estes asuntos sexan tratados no Parlamento Galego e aparezan na axenda pública, amosando a súa preocupación tamén polo futuro do Museo de Pontevedra e Santa Clara, ademais da recuperación ambiental da xunqueira da Gándara, na que se sitúa o parque de maquinaria da Xunta de Galiza; o impulso ao dragado da ría de Pontevedra, «unha demanda histórica para recuperar a canle de navegación e eliminar os depósitos de lodos»; e, por último, volver contar cunha delegación da CRTVG na Boa Vila —desde o ano 2010 a capital da provincia de Pontevedra non conta cunha sede da entidade autonómica—.

Pola súa banda, Pontón agradeceu ao alcalde que «lle abra as portas do Concello», aproveitando a ocasión para ofrecerlle «o seu recoñecemento a unha persoa e a un Goberno que é referente para miles de galegos e galegas, voten o que voten e pensen o que pensen, pois Pontevedra é un exemplo da capacidade de transformación en positivo, e permite ver que cando hai confianza no país as cousas avanzan e melloran».

«Lores sempre é unha persoa da que podes aprender e que sempre cómpre escoitar», sinalou a portavoz do BNG no Parlamento Galego. «Esta reunión permitiunos entrar en máis detalle nalgúns asuntos que son chave para que a cidade siga coa súa transformación, para que mellore e para que sexamos capaces que todo este proceso que se leva vivindo en Pontevedra ao longo dos últimos 24 anos teña un acompañamento claro por parte doutras administracións».

Pontón lanzou na súa comparecencia o compromiso «adquirido nesta visita institucional» de sacar adiante os asuntos que son importantes para o concello de Pontevedra, en eidos que afectan a todos e todas. «Quero trasladarlle o meu apoio como líder da oposición deste país para que algunhas desas demandas que Pontevedra reclama se poidan ir verificando», indicou.