A sétima edición de Etiqueta Negra abrirá as súas portasno Recinto Feiral entre o 11 e o 13 de novembro 

62
Innovación, inspiración, modernización ou investigación no sector da alimentación son algúns dos elementos que definen esta cita do gourmet galego
A organización adianta que o 50 % dos stands xa están cubertos, sendo un de cada tres novos expositores que participan por vez primeira na feira 

Volve a feira Etiqueta Negra, Gourmet Galego e Innovación Inspiradora que celebrará o sábado 11, o domingo 12 e o luns 13 de novembro a súa sétima edición. A concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, acompañado do equipo responsábel da posta en marcha desta cita, presentou hoxe os primeiros datos e informacións da feira.

Etiqueta Negra prende motores e acaba de iniciar a comercialización de stands para participar como expositor. En apenas algo máis dun mes desde que se abriu a contratación de espazos, xa ten ocupado o 50 % da súa superficie, unha mostra da forte vinculación do sector a esta feira profesional. 

As solicitudes de admisión avanzan a ritmo continuo e prevese colgar o cartel de completo en breve. Todos aqueles produtores de alimentos e bebidas de calidade feitos en Galicia teñen as portas abertas para participar en Etiqueta Negra, a única feira dedicada exclusivamente aos produtos de alta gama galegos.

Con esta nova edición preténdese marcar un novo récord tanto de participación como na calidade dos produtos, non en balde un 30 % dos expositores xa confirmados participan por primeira vez na feira.

Organizada polo Concello de Pontevedra, Etiqueta Negra é unha cita ineludible que convoca cada ano no Recinto Feiral de Pontevedra a empresas e produtores, a profesionais da alimentación, da restauración e da distribución, así como a consumidores. Para as firmas expositoras trátase dunha oportunidade única para xerar relacións comerciais, propiciar o contacto directo, descubrir novos clientes e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.

«Etiqueta Negra é unha actividade promocionada polo Concello e realizada en colaboración coa empresa local pontevedresa. Sempre presumimos neste espazo do traballo con provedores locais de alta calidade, e a xente que hoxe está presente nesta mesa da boa conta disto», explicou Gulías, que compartía mesa con Ismael Calvo (Ovo Publicidade), Esther Bailón (ERA Comunicación), Vanesa López e María Villa (Trisquelia Comunicación).

«Etiqueta Negra pon en valor o sector primario galego. Falamos dun sector que acapara moitísima atención e do que facemos gala no mundo. Etiqueta Negra quere darlle unha volta e poñer en valor a investigación e a innovación, amosar os novos produtos e a capacidade de modernización do sector», sinalou a concelleira. «Por iso naceu Etiqueta Negra e, a día de hoxe, coido que podemos dicir que o obxectivo está cumprido».

Xunto á actividade da zona expositiva, en Etiqueta Negra desenvolveranse ademais espectáculos de cociña en directo, charlas, presentacións de empresas, de produtos e de novas liñas gourmet, degustacións, demostracións, exhibicións, catas comentadas e outras moitas actividades que se van suceder durante os tres días que dura o evento. 

Un ano máis con Estrella Galicia como patrocinador principal, Etiqueta Negra conta tamén co apoio de Cabreiroá, Froiz, Gadis e a Mancomunidade do Salnés. 

Clusaga en Etiqueta Negra

Como novidade, o luns 13 de novembro Etiqueta Negra acollerá ao Grupo de Traballo de Gastronomía e Turismo promovido polo Clúster Alimentario de Galicia, Clusaga, dentro da súa Área de Mercados e Internacionalización. Este foro privado de debate –que sae por primeira vez de Santiago de Compostela– ten como finalidade xerar un espazo de reflexión entorno ao turismo gastronómico.

Froito deste grupo de traballo, as empresas da industria alimentaria e de bebidas asociadas están a determinar cales son as iniciativas de maior impacto e viabilidade para por en valor os produtos galegos e aumentar o posicionamento da marca Galicia entorno a súa gastronomía.