A actual parada de buses discrecionais muda de localización e pasa a estar situada fronte a praza de Valentín García Escudero 

83
O edil de Mobilidade, César Mosquera, comunicou hoxe a decisión de establecer o novo punto de chegada das excursións de visitantes, desaparecendo como tal o da contorna de San Roque
O novo punto permitirá dinamizar a zona baixa do centro histórico así como os aledaños do Mercado 

O edil de Mobilidade, César Mosquera, anunciou esta mañá a decisión de desprazar o punto de chegada das viaxes discrecionais situado en San Roque, até a parada de autobuses situada fronte a Praza de Valentín García Escudero.

A decisión chega tras percibir certa recarga na circulación de persoas no eixo de Praza de España e rúa Michelena, «nalgúns momentos ao longo do ano», posibilitando, doutra banda, a idea de outorgarlle un maior dinamismo á parte baixa do centro histórico e aledaños.

«Terán o Mercado xusto ao lado, o Museo Castelao moi preto, o centro histórico a man… Cremos que é adecuado este cambio», explicou o edil. «Deixará de cargarse tanto Michelena e permitirá novos trazados desde este punto sen pasar por Montero Ríos ou a rúa Alameda. Cremos que as excursións camiñarán mellor desde aquí e dinamizarán esta parte».

Mosquera tamén lembrou que no Mercado hai baños de acceso público, que poderían ser utilizados polos visitantes no caso de necesidade; elementos que en San Roque son inexistentes. 

Tomada a decisión, o Concello emitirá un comunicado a todas as empresas que fan uso da parada de autobús de San Roque para este tipo de descargas de viaxeiros. «É unha medida máis de dinamización da contorna do Mercado que se suma á reforma integral da Ponte do Burgo no seu momento, ou ao traslado da feira ambulante para Bos Aires», indicou o concelleiro.