Pontevedra marchará contra o cancro o vindeiro 8 de outubro

18
Promovida pola Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, a quinta edición desta marcha colectiva partirá da avenida de Montero Ríos ás 10.30 horas
Trátase dun percorrido sinxelo, de 6,75 quilómetros, que pode ser realizado correndo ou camiñando, tendo continuidade cunha clase de zumba 

A concelleira de Benestar social, Anabel Gulías, presentou esta mañá a V Marcha Contra o Cancro ‘Pontevedra en marcha contra o cancro’ que terá lugar en Pontevedra o vindeiro 8 de outubro, promovida pola Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra.

Trátase dunha marcha non competitiva, de 6,75 quilómetros, apta para todos os públicos, e que partirá ás 10.30 horas da avenida de Montero Ríos, e que busca recadar fondos para a investigación contra o cancro. O recadado nesta marcha destinarase a continuar fomentando a investigación en cancro, financiando proxectos de investigación, para alcanzar o obxectivo de chegar ao 70% de supervivencia en cancro en 2030.

A edil compareceu acompañada dunha familiar de doente con cancro, Loli Antelo; da responsable de Marketing e Comunicación da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, Pilar Canda; a deputada de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos;  o xerente de Skoda Mourente Motor, Enrique Figueroa; o Presidente de Construcciones Ramírez, Arturo Ramírez; a representante do Departamento Comercial e Marketing de Avigal, Matilde Rodríguez; e a xerente de Chema Sport, Elena Rajoy.

«Fomentar a práctica deportiva como é correr ou marchar, xunto con outros beneficios sociais, a prol da investigación e dos doentes do cancro é unha honra», explicou Gulías. «É necesario implicarse. Toda a sociedade debe facelo. Estou convencida de que todas as persoas temos unha experiencia próxima con esta doenza, e sabemos que no intre do diagnóstica todo cambia».

A concelleira agradeceu o seu labor e traballo á Asociación Española Contra o Cancro, ao tempo lle transmitiu o seu agradecemento tamén as empresas patrocinadoras como Ramírez Construcciones, Skoda Mourente Motor, Chema Sneakers, Solán de Cabras, Cruz Vermella, Gadis, Froiz, Eroski, A’Devesa ou Mira Maruxa, entre outras.

«Hai cuestións nas que as intitucións debemos colaborar e creo firmemente nisto. Coido que este Concello pode demostralo decotío coa súa práctica, ao igual que o fai a Deputación de Pontevedra, neste caso representada por Sandra Bastos», sinalou a edil. 

Doutra banda, «este domingo conmemorouse o Día Mundial da investigación en cancro para reivindicar a importancia da investigación como a mellor ferramenta para aumentar as cifras de supervivencia e o próximo 8 de outubro volveremos», apuntan desde a entidade social. «Grazas á investigación, a supervivencia en cancro actualmente sitúase nun 55,3% en homes e en mulleres no 61,7% pero desde a Asociación marcámonos un reto: superar o 70% de supervivencia para o ano 2030, garantindo que os nosos investigadores teñan os mesmos recursos que os investigadores onde a investigación é unha prioridade e garantir que todas as persoas con cancro teñan acceso aos resultados de investigación. Para todo esto é vital que sigamos apoiando a investigación».

As inscricións para a marcha continúan abertas ata o próximo 4 de outubro. O prezo por inscrición é de 12 euros para adultos. Para crianzas de catro a doce anos, o prezo é de 6 euros, incluíndo unha camiseta de agasallo e avituallamento. Os menores de tres anos poderán participar de maneira gratuíta. As persoas que desexen participar coa súa mascota non necesitarán inscribilas, tan só deberán sinalar na súa inscrición que participan con ela.

A inscrición poderase formalizar:

– A través da pasarela da seguinte ligazón: https://enmarcha.contraelcancer.es/es/evento/marcha-contra-el-cancer-de-pontevedra

– Nas mesas que a Asociación situará en distintos puntos da cidade