O Concello avanza na reforma da praza de Barcelos para rematala antes do verán 

57

Xa está conclusa a obra civil e instalado o transformador eléctrico que dará servizo a esta zona da cidade e tamén ao colexio de Barcelos

O alcalde visitou esta mañá o desenvolvemento dos traballos e estivo acompañado polo concelleiro de Obras urbanas, César Mosquera. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá o desenvolvemento das obras de reforma das beirarrúas e calzada da praza de Barcelos, que poderá estar rematada antes do verán. O alcalde estivo acompañado do concelleiro de obras urbanas, César Mosquera, do director xeral de Mobilidade, Jesús Gómez Viñas, e de responsables das empresas adxudicatarias E.C.Casas e Covsa.

Fernández Lores explicou que se trata dunha gran obra “necesaria” valorada en 2,1 millóns de euros que supón a substitución de todas as canalizacións dos servizos (abastecemento, saneamento, rede eléctrica, rede de telecomunicacións…), así como a ampliación das beirarrúas e a retirada dos lastros da calzada que se substituirán por asfalto. A obra leva certo atraso pola colocación de dous andamios noutros tantos edificios da praza que obrigou a traballar máis lentamente neses puntos e pola necesidade de que non chova para poder empregar materiais como o formigón nas beirarrúas.

Dentro da obra está incluído o traslado do transformador de Fenosa situado no colexio Barcelos. O alcalde informou que a obra civil xa está rematada e a instalación do novo transformador colocado, que está á espera de permisos para que Fenosa poida realizar o cableado necesario para a súa posta en funcionamento. A retirada do transformador do centro de ensino era unha demanda histórica da comunidade educativa de Barcelos.

O alcalde tamén explicou que a actuación no perímetro da praza queda pendente da parte lindeira co muro de Santa Clara “porque non sabemos como vai quedar e non temos moitos interlocutores, de momento”. Confirmou que “en canto se decida a conexión de Santa Clara con Barcelos, farase a conexión desta parte da praza”.

Ao respecto do tráfico, Fernández Lores aclarou que o sentido do tráfico queda en dirección San Antoniño a Rouco, pudendo saír do estacionamento ben cara Rouco (pola saída da parte alta da praza), ou ben cara San Antoniño (pola parte baixa da praza).

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.