O Concello pon a disposición da Xunta unha vivenda para convertela en casa de acollida de mulleres vítimas de violencia machista 

27

A concelleira Anabel Gulías explicou esta mañá que xa se lle comunicou e agarda manter unha reunión coa Rede galega de acollida de mulleres vítimas de violencia doméstica para abordar as necesidades da vivenda. 

O Concello de Pontevedra porá a disposición da Rede galega de acollida de mulleres vítimas de violencia doméstica da Xunta de Galicia dunha vivenda da súa propiedade para que teñe carácter universal e sexa un recurso público. Así o anunciou esta mañá a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías como a primeira medida deste novo tempo en todas as áreas municipais ordenado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

A concelleira explicou que o seu departamento xa está a traballar nos actos do 25 de novembro, pero o seu propósito é combater a lacra da violencia machista e poñer a disposición todas as medidas que sexan necesarias para atallala. “Creo que debemos ir da man todas as administracións e non facer da violencia machista unha arma arroxadiza. É un problema de vontade política”, indicaba Anabel Gulías.

Por iso como primeira medida, quería resaltar a posta a disposición da Rede de acollida deste piso de acollemento. Hoxe mesmo comunicouse á Xunta este ofrecemento e a concelleira agarda poder ter nas vindeiras semanas unha reunión para concretar as necesidades da casa cuxos datos non desvelou por seguridade, soamente que ten uns 100 metros cadrados e dispón de tres habitacións.