O Teatro Principal acolle o martes a presentación do catálogo da exposición “O devalar do monte galego” 

59

De xuño a agosto a exposición estivo en Daniel de la Sota e amosou a riqueza natural dos montes da contorna de Pontevedra ameazados pola instalación de macroinstalacións eólicas. 

O Concello de Pontevedra presenta o vindeiro martes, 19 de setembro o catálogo da exposición “O devalar do monte galego” nun acto público que se celebrará na sala de usos múltiples do Teatro Principal (primeiro andar) a partir das 20.00 horas.  A mostra estivo instalada na rúa Daniel de la Sota dende o 6 de xuño até despois das Festas da Peregrina e recollía imaxes nas que se amosaba riqueza natural que posúen os montes próximos nos que se están a instalar macrocentrais eólicas.

O Concello colaborou con esta exposición para visibilizar a riqueza do monte da contorna de Pontevedra que se perderá coa instalacións das macroinstalacións eólicas xa que minan os recursos e destrúen a paisaxe.

A exposición

Na do sábado 18 de marzo de 2023, catorce artistas visuais xunto co mesmo número de guías locais percorreron diferentes puntos dos montes Montouto e Cádavo, os montes das bestas de Sabucedo, entre os concellos de A Estrada, Cerdedo, Campo Lameiro e Cuntis. Montes que atesouran un excepcional patrimonio cultural e natural e que están ameazados por ducias de aeroxeradores e numerosas infraestruturas que suporán a súa industrialización. 

En pouco máis de tres horas de ruta capturaron coas súas cámaras detalles que lles chamaron a atención ao seu arredor ou proxectaron o seu mundo interno, como lle sucede a calquera persoa que camiñe un día por eses lugares. 

Nesta acción confluíu a participación creativa de profesionais da fotografía de diferentes traxectorias e perspectivas co activismo social de colectivos como Alarma na Terra de Montes, Colectivo do Vento, Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, A de Rousmeri e SOS Suído-Seixo. Son colectivos da provincia de Pontevedra que traballan pola defensa da natureza e cultura do monte contra os proxectos enerxético-industriais, como tantas outras entidades por toda a xeografía galega, unidos agora no marco do Encontro Burla Verde.